Mourelo anuncia a celebración dunha nova edición de Nocturnia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Presentación de Nocturnia

Presentación de Nocturnia

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Moruelo, presentou, esta mañá, a nova edición do programa de lecer para mozos Nocturnia, que se celebrará a partir de marzo cunha oferta centrada en deporte activo, o contacto coa natureza e as actividades sustentables: “O compromiso deste Concello cos mozos é total e por iso presentamos unha nova edición deste programa que pretende romper cos estereotipos negativos que parte da sociedade ten da mocidade, ofrecendo un amplo abanico de actividades de fin de semana que tentan chegar a todos os gustos e afeccións”, destacou Mourelo e engadiu: “Unhas actividades que teñen por obxectivo, non só a diversión, senón tamén a formación e a integración dos nosos mozos”.

Tal e como explicou o concelleiro, Nocturnia celebra a primeira edición deste ano 2013 no mes de marzo e desenvolverase, durante os fins de semana, ata xuño. Unha das prinicpales novidades é que se aumentou o número de prazas ofertadas ata alcanzar as 1800, debido á gran demanda da última edición: “De outubro a novembro de 2012 contamos cunha participación do 93,86% nas nosas actividades, así que decidimos duplicar o número de prazas, que se distribuirán nun total de 60 actividades”, detallou.

Mourelo informou de que as 60 actividades clasificaranse en tres áreas: físico deportivas, artístico culturais e formativo lúdico didácticas. Entre as principais novidades atópanse actividades como o orienteering, as rutas de kaiak de mar, a iniciación ao roller, a elaboración de mobiliario sustentable, as creacións cinematográficas, as actividades de expresión teatral ou a elaboración de vídeo blogues; que compartirán escenario con outras de gran éxito e demanda en anteriores edicións como o aikido, o surf, o rafting, os maratóns deportivos, as danzas do mundo, creando robots, os talleres artesanais, a cociña saudable, a risoterapia, as rutas de sendeirismo e interpretación ambiental e o stencil, entre outras moitas.

Toda esta proposta lúdica complementarase cun programa de accións formativas (cursos, seminarios e talleres) específicas para mozas de 18 a 30 anos, no ámbito do lecer saudable no tempo libre, a participación e o emprendimiento xuvenil, que se desenvolverán durante os meses de abril a agosto.

“Para deseñar esta programación e esta oferta de actividades contamos coa colaboración e consello de 20 entidades, entre asociacións e colectivos xuvenís, culturais, clubs deportivos e organizacións de ámbito social no Concello. Un total de 111 dinamizadores destas entidades responsabilizaranse das mesmas, polo que agradezo o seu importante labor”, sinalou Mourelo e indicou que de acordo cos campos de intervención prioritaria establecidos polo Libro Branco sobre a Mocidade da Comisión Europea, esta é unha forma máis de impulsar a presenza activa dos mozos na vida da cidade, non só por medio da participación neste programa senón tamén no seu deseño e organización.

“Desde a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade queremos que os nosos mozos poidan ter acceso a unha boa e completa formación nos centros docentes pero tamén desexamos que teñan ao seu alcance todos os recursos necesarios para seguir desenvolvendo as súas inquietudes no seu tempo libre. E ese é o oco que pretendemos ocupar co deseño das actividades de Nocturnia”, asegurou. Desta forma, a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade fai unha aposta decidida, de acordo co Pacto Europeo para a Mocidade de Marzo do 2005, pola formación práctica, activa, participativa e de calidade, con accións educativas de continuidade no ámbito da eduación non formal. Ao mesmo tempo, aléntase ás asociacións innovadoras, provedoras de educación non formal, para crear actividades con novos e atractivas formulacións pedagóxicas que respondan mellor aos diferentes tipos de mozos. Esta educación, avalada e recoñecida polo Consello Europeo en Resolución do 20/07/2006, é complementaria coa formación e a aprendizaxe formais para o desenvolvemento persoal e social dos mozos; considérase un instrumento de intervención educativa moi eficaz xa que consolida a aprendizaxe permanente e promove a integración social dos mozos, fomentando a súa participación, a cidadanía activa e a súa inclusión social. En definitiva, o programa de accións formativas que, neste momento, prepárase na Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade supón un valor engadido para a sociedade, a economía e os propios novos.

A inscrición para as actividades poderase realizar a través da páxina de mocidade www.coruna.es/nex. Ademais toda a información actualizada de Nocturnia, así como outras noticias de interese para mozos, poderá seguirse a través das redes sociais do programa que contan actualmente con 300 seguidores vía Twitter e 5.130 seguidores no Facebook.

FESTIVAL DE BATERÍAS MEINL DAY

Por outra banda, Mourelo anunciou que a Concellaría organizará, en colaboración con The Drum House, o Festival de baterías Meinl day – The Drum House, que se celebrará o próximo 16 de marzo en sálgaa Túnel do Coliseum: “Un evento que reunirá a 4 artistas de gran traxectoria e renome no panorama musical como son Colás Lage, Jairo Ubiaño, Juan Carlos Aizpún e Damien Schmitt, polo que, segundo as nosas previsións, o festival reunirá a unhas 200 persoas”, explicou.

A cita desenvolverase de 17.00 a 21 horas e consistirá nun percorrido formativo que concluirá cunha Jam Session de todos os artistas participantes. Os interesados en asistir poden inscribirse e retirar as súas invitacións nos locais de ensaio situados no Coliseo en horario de tarde ou en The Drum House, tanto pola mañá como pola tarde.

“Con esta iniciativa seguimos apostando por dotar de contido unha sala e uns locais pensados para que os mozos e artistas locais poidan manifestar as súas inquietudes musicais e artísticas, á vez que se ofrecen eventos e espectáculos que, ben polo seu formato ou polo seu estilo, pretenden chegar a diferentes públicos que demandan este tipo de concertos na cidade”, finalizou.

25 de febreiro de 2013 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.