Melide participa en Turexpo, o III Salón Turístico de Galicia
O Concello de Melide participa cun stand compartido co Concello de Palas de Rei en Turexpo, o III Salón Turístico de Galicia. O salón estase a levar a cabo en Silleda e abriu as súas portas este venres, 21 de febreiro e permanecerá aberto ata o próximo 24 de febreiro. Xornadas técnicas sobre novas tecnoloxías e innovación empresarial, presentacións, degustacións, sorteos e actividades de turismo activo forman parte do seu programa.
Participar nun salón coma este onde se expoñen os recursos turísticos máis representativos de Galicia é toda unha oportunidade para a promoción do sector turístico do Concello de Melide. A promoción centrarase de maneira especial na Festa do Melindre pero tamén na promoción da gastronomía e do conxunto monumental e paisaxístico de Melide. O domingo ás 13:00h terá lugar unha xornada de maridaxe dos melindres co licor café.
Turexpo constituirá durante tres días unha plataforma de negocio para o turismo, un interesante escaparate de propostas turísticas para todos os visitantes e un foro de coñecemento para o sector. O certame vai dirixido a profesionais e o público xeral na busca de propostas e destinos. O venres e a mañá do sábado as xornadas terán un carácter máis profesional mentres que o sábado pola tarde e o domingo estarán centradas no público en xeral.











