Máis de 500 persoas participarán no concurso de comparsas de Nigrán
O Entroido 2013 de Nigrán comezará o vindeiro sábado 9 de febreiro, coa celebración do tradicional concurso de comparsas, que nesta edición contará coa participación de máis de 500 persoas repartidas en trece comparsas procedentes de Redondela, Vigo, Nigrán, Gondomar, Tomiño, Baiona e Santa María de Oia. Nesta ocasión, e por acordo de todas as comparsas participantes, os 2.800 euros en premios repartiranse entre o trece inscritos.
Tras o éxito da pasada edición, as comparsas repetirán o percorrido, percorrendo a Avda. de Praia América entre Monte Lourido e a chaira do Punto Paixón Praia. No último tramo realizarán unha actuación especial para os membros do xurado, que valorarán a interacción co público así como a orixinalidade e creatividade, da coreografía, o disfrace e a música.
Para o desenvolvemento do desfile a Policía Local procederá ao corte dos accesos á Avda. Praia América entre a Rúa Telleira e a intersección coa Estrada pola Vía -Rúa Lourido Beiramar e Francisca Lago-. Así mesmo, o estacionamento na zona estará prohibido a partir das 7.00 horas. No entanto, e para facilitar o acceso ao evento, o concello abrirá ao público o aparcadoiro situado fronte á chaira de Praia América.
Talleres infantís
Despois do concurso de comparsas chegan as actividades para os máis pequenos, coa celebración por primeira vez en Nigrán dun taller disfraces, que terá lugar o luns 11 de febreiro entre as 11.00 e as 14.00 horas, no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón. Pola tarde, os máis pequenos poderán lucir os seus modelitos nun concurso que se disputará entre as 16.00 e as 20.00, tamén no pavillón.
Enterro da sardiña
Con todo, a gran novidade desta edición dos entroidos é o enterro da sardiña, que chega por primeira vez ao municipio. O velorio terá lugar ás 18.00 horas no Centro Comercial da Ramallosa, desde onde a comitiva fúnebre iniciará unha peregrinaxe polas rúas desta zona de Nigrán, até chegar á praza de cálea Damas Apostólicas, onde se procederá á súa queima.











