Lete Lasa e Gamallo presentan as actividades deportivas da Eurocidade
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe a aposta da Xunta por estender o Plan Galicia Saudable á contorna da Eurocidade Tui-Valença como un elemento máis de cohesión territorial. Así o manifestou na presentación do Circuíto de andainas saudables e do proxecto piloto para a creación dunha Unidade de Promoción do Exercicio (UPE) que a Eurocidade porá en marcha en Tui e Valença, en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta presentación estiveron presentes, ademais do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e o Presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Méndes.
Estas dúas iniciativas súmanse a toda unha programación de actividades deportivas que a Xunta de Galicia, o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença teñen organizado para este ano 2013 na Eurocidade, co obxectivo de reforzar a cohesión social entre Galicia e o norte de Portugal, promover o patrimonio natural e cultural de ambos os dous territorios, revitalizar as infraestruturas comúns, dinamizar a acción das súas entidades locais e, sobre todo, mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns.
“Galicia e Portugal camiñamos da man neste obxectivo”, subliñou Lete, para engadir que “o esforzo de todos reverterá directamente nunha poboación de 35.000 habitantes e nunha esfera de influencia de 6 millóns de persoas: todo un exemplo de que a cooperación entre institucións sempre será a ferramenta de mellora da calidade de vida dos cidadáns”, apostilou.
O Circuíto de andainas saudables e outra ducia de eventos deportivos
Son un total de 13 os eventos deportivos que acollerá a Eurocidade no marco desta programación que prevé atraer ata preto de 4.500 participantes. O Circuíto de andainas saudables, que comezará en marzo, constará dun total de 17 itinerarios, dos cales 8 discorrerán por Tui o último domingo de mes, e 9 por Valença o segundo sábado de mes.
A previsión de participantes está entre os 100 e os 150 camiñantes por andaina, que irán guiados por monitores especializados que explicarán as características de cada ruta, e seguidos por efectivos dos servizos de emerxencias de ambos os dous concellos. No primeiro percorrido entregarase un pasaporte do camiñante, que os participantes selarán en cada andaina, e un podómetro. Ademais, organizarase un concurso de fotografía que premiará as tres mellores instantáneas de todo o circuíto.
Outras actividades previstas no marco desta programación deportiva da Eurocidade son o I Campionato de Kung Fu, que xa se celebrou este mesmo fin de semana; o II Torneo de Fútbol 7, que se disputará o vindeiro 23 e 24 de marzo para as categorías benxamín e alevín; e o VI Torneo de Pesca Deportiva, que terá lugar tamén o 24 de marzo.
O 26 de maio celebrarase o II Eurocidade BTT, un percorrido de 45 quilómetros en bicicleta de montaña que sairá de Tui, cruzará a ponte internacional e subirá ao Monte Faro percorrendo as rúas de Valença. O 9 de xuño, está prevista a carreira pedestre II Eurocidade 10, con 10 quilómetros de percorrido, saída desde Valença ata Tui e coa meta nas murallas. En xullo, o día 6, disputarase o I Cuadriatlón Eurocidade, con catro modalidades deportivas: natación, ciclismo, piragüismo e atletismo.
Xa o 17 de agosto, terá lugar o II Trofeo Balonmán Eurocidade, entre o Asobal Academia Octavio e un equipo de Portugal. O 7 de setembro, será a III Travesía a nado Eurocidade 2013, que cruzará o río Miño desde a marxe de Valença ata a de Tui. Ademais, entre os meses de outubro de 2013 a xuño de 2014 disputarase a Liga de Fútbol Sala Saudable Eurocidade, na que participan 40 equipos de Tui e Valença; entre o 19 e o 20 de outubro, celebrarase o I Campionato de Tenis Eurocidade; o 17 de novembro, o I Campionato Internacional de Baile Deportivo, con 300 participantes federados de Galicia e POrtuagl; e, para rematar, en xuño, o I Festival Aéreo Eurocidade.
Unha unidade para promover hábitos saudables
O proxecto piloto para a creación dunha Unidade de Promoción do Exercicio estase a deseñar conxuntamente co concello de Tui e coa Cámara Municipal de Valença. Trátase dunha unidade dirixida por un licenciado ou licenciada en Ciencias da Actividade Física co obxectivo de avaliar a condición física dos cidadáns destes concellos para achegarlle unhas pautas coas que mellorar a súa calidade de vida.
A unidade estará situada no Centro Interfederado de Remo, pero tamén poderá facer itinerancias por puntos determinados de Tui e Valença. Mediante cuestionarios e actividades divulgativas, achegará á cidadanía os beneficios da práctica de actividade física de xeito orientado e adaptado ás súas necesidades.
A Eurocidade Tui-Valença
Dentro da liña de traballo que está a seguir a Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, de avanzar na construción dunha Eurorrexión baseada no coñecemento e na proximidade, a Eurocidade Tui-Valença aposta, dende a súa constitución formal o 10 de febreiro de 2012, por buscar fórmulas para promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre as dúas cidades, de xeito que o “efecto fronteira” deixe de ser un inconveniente para se converter nunha oportunidade de desenvolvemento territorial e socioeconómico, promovendo a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador da convivencia entre ambas poboacións.
Deste xeito, lembrou o director xeral de Relación Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, a Xunta de Galicia está a colaborar co Concello de Tui e coa Cámara de Valença para o planeamento de actividades conxuntas, como as andainas saudables presentadas hoxe ou a unidade de promoción do exercicio, ambas financiadas co Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal (POCTEP).











