publicidade hoxe

Homenaxe a Rosalia Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMuxía
A-
A+

A Fundación Gonzalo López Abente homenaxea á autora no ano da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Ademais, con estes actos querese poñer en valor un feito importantísimo para Muxía, como é que Rosalía de Castro acudira á Romaría da Barca no ano 1853, acompañada de Eduarda Pondal, irmá do bardo pontecesán. Durante esta estancia, Rosalía e Eduarda enfermaron, feito que causou a morte de Eduarda e marcou profundamente a Rosalía que permaneceu un tempo en Muxía, convalecente da súa enfermidade. A casa na que se aloxou era a do médico Leandro Abente Chans, tío de Eduardo Pondal e avó de Gonzalo López Abente. Muxía inspirou a primeira novela de Rosalía, “La hija del mar” e tamén o poema de Cantares Gallegos, “Nosa Señora da Barca”.

O día 2 de marzo os actos comezarán ás 17:00 horas coa colocación dunha placa na Rúa A Marina, no lugar onde estivo ubicada a casa na que Rosalía se aloxou durante a súa estancia en Muxía, no ano 1853. No acto lerán poemas nenos e nenas dos centros educativos de Muxía.

A continuación, no Salón de Actos do Voluntariado, Manuel Vilar, patrón da Fundación Gonzalo López Abente e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, ofrecerán sendas conferencias sobre a figura da autora.

27 de febreiro de 2013 | 10:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.