Exposición “Prohibida la apertura forzada de la puerta”
O venres 1 de marzo inaugurase a exposición PROHIBIDA LA APERTURA FORZADA DE LA PUERTA,de César Toimil ás 12:00 na sala de Exposicións do Mercado Vello
Exposición de fotografía e audivisual, composta por case un centenar de imaxes tomadas polo fotoperiodista de La Voz de Galicia, César Toimil en catro viaxes a Pripyat, a cidade máis cercana á central de Chernóbil. Forman parte desta exposición unha colección de sobrecolledoras fotografías sobre a ciudade, abandonada trala catástrofe nuclear.
A exposición permacerá aberta ao público do 1 ao 21 de marzo na sala de exposicións do Mercado Vello. Poderá visitarse de martes a venres de 18:30 a 20:00 h e os sábados de 11:30 a 13:30h.
PROHIBIR:Vedar ou impedir o uso ou execución de algo.
FORZAR:Obrigar ou precisar a que se execute algo.
Estas dúas palabras, en teoría antónimas, cando van unidas definen o que foron parte dos máis importantes acontecementos da historia do home. Describen a permanente contradición, a constante desorientación da raza humana e as súas absurdas decisións. Dous días despois da enorme explosión que tivo lugar na madrugada do 26 de abril de 1986 no reactor catro da central nuclear ucraniana V.I. Lenin, a un par de quilómetros de distancia, a buliciosa cidade de Pripyat era evacuada. Mentres a radioactividade impregnaba as súas escolas, piscinas, vivendas e hospitais, un triste silencio apoderouse das súas rúas para sempre.
Vintecinco anos despois, a urbe que se construíu como fogar dos “afortunados” traballadores da central segue sendo o reino da desolación e o abandono. As súas rúas invadidas por unha vexetación exuberante, os animais salvaxes que campan as súas anchas e os habitantes das aldeas proximas desafían ás voces que claman que aquela é unha zona morta. Son signos inequívocos de que a vida, a pesar de todo, segue.
Esta exposición quere ser unha homenaxe aos centos de miles de persoas que contribuíron a minimizar as consecuencias do accidente e ás incontables vítimas dun desastre que nunca debeu suceder. Xente que aínda sofre a causa das decisións daqueles que se empeñaban en prohibir e forzar.
O enxordecedor silencio en Pripyat nos grita ben claro. E a nosa tarefa escoitalo e actuar en consecuencia.
CÉSAR TOIMIL











