Eurozone, o espectáculo de Chévere sobre a crise de Europa, de estrea en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O grupo Chévere estrea o venres día 22 no Auditorio da Ramallosa, en Teo, Eurozone, un panfleto teatral sobre a crise da Eurozona interpetado polos actores Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade e  Borja Fernández, que se representará de venres a domingo ata o día 10 de marzo.

Así o explicou o director artístico de Chévere, Xesús Ron, nunha rolda de prensa na que tamén participou o alcalde de Teo, Martiño Noriega, que ofreceu datos sobre as actividades desenvolvidas por Chévere como compañía residente en Teo durante o ano 2012, un periodo no que a oferta cultural xerada por esta compañía contou cun total de 3.700 espectadores.

Sobre Eurozone

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade, Borja Fernández. Dirección e dramaturxia: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Iluminación: Fidel Vázquez. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Espazo escénico: Javier Domingo Ballestín e Chévere. Coreografía, loita: Iván Marcos. Espazo audiovisal: Cuco Pino/Quadra producións. Construción escenografía: Enrique Martínez. Maquillaxe: Fany Bello. Produción: Juancho Gianzo. Comunicación: Xana García. Deseño gráfico: Fausto Isorna. Deseño web: A Navalla Suíza. Unha produción Chévere, compañía residente no concello de Teo. Apoio: Agadic, Concello de Teo.

Eurozone é o novo traballo para o 2013, un panfleto teatral sobre a crise da Eurozona. Un auténtico pastiche no que se mesturan as referencias directas a Reservoir Dogs (a mítica primeira pelicula de Tarantino), á linguaxe da publicidade, aos casinos online, aos bailes de salón e ao argot económico que asulaga as nosas vidas. Eurozone é unha produción ambiciosa para tempos de crise, unha obra coral con 8 actores e actrices en escena. Un traballo de creación colectiva que se foi artellando desde cero ao longo de dous meses de ensaios. Un proceso que estivo aberto a calquera persoa curiosa a través deRedenasa, onde permanecen visibles os diarios de todo o equipo.

Eurozone é unha farsa sobre a crise da zona euro, sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. Eurozone alimentouse da nosa perplexidade como cidadáns, da nosa impotencia, da nosa carraxe. Algo que queremos compartir, por iso saimos a escena cada noite.

Eurozone é un achegamento ao gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Queremos establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro. Poñamos que un grupo de persoas que representan á clase dirixente europea acaban de cometer o atraco do século. E imaxinemos que, contra todo pronóstico, algo saiu mal. Entón collemos a esta xentiña e a metemos nun deses edificios de autor, monumentais e inútiles, que tanto lles gustan, unha cidade da cultura, unha cidade das artes ou simplemente un casino sen inaugurar… E facemos estoupar as súas fráxiles relacións, e intentamos comprender a lóxica das súas decisións ou retratar a súa soedade utilizando contra eles a nosa rabia e a nosa indignación. Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?

Datos prácticos

Eurozone representarase no Auditorio da Ramallosa, en Teo, entre o 22 de febreiro e o 10 de marzo, de venres a domingo. As funcións serán ás 21.30 h. venres e sábado e ás 19.00 h. os domingos.

As entradas están á venda en http://redenasa.tv e nos bares: a Santa Sede, na Ramallosa, A Senra, en Pontevea, A Capilla en Calo e no bar Loncho en Casalonga, así como na billeteira do auditorio unha hora antes de cada función.

Para os que veñan de Santiago, os venres ofrecerase a posibilidade de acudir en autobús. Neste caso resulta imprescindible mercar a entrada con autobús por adiantado e amosar o resgardo impreso. Este tipo de entradas véndense exclusivamente en http://redenasa.tv.

27 de febreiro de 2013 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.