Entrega dos diplomas ás alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Ana Díaz, fixeron esta mañá entrega dos seus diplomas oficiais ás alumnas que completaron o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, un documento que ten a mesma validez que o certificado profesionalidade, polo que as capacita para a súa inserción no mercado laboral nesta especialidade.

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia investiu 46.000 euros no financiamento íntegro desta acción formativa, que tivo unha duración total de 468 horas entre a parte práctica, realizada en centros de día e residencias públicas, e a teórica, desenvolvida nas instalacións do centro sociocultural de Lendo. O curso completouse entre os pasados meses de setembro e decembro.

José Manuel López Varela afirmou que das quince alumnas que realizaron a acción formativa, tres delas xa atoparon un posto de traballo apenas dous meses despois de recibir a formación. O alcalde mostrouse satisfeito con este dato xa que “hoxe en día a labor máis importante das administracións e aportar o posible para crear emprego, e con estes cursos estamos ofrecendo posibilidades reais de que os alumnos poidan lograr a súa inserción no mercado laboral”.

O alcalde aproveitou a ocasión para adiantar que o Concello da Laracha xa ten solicitado á Xunta de Galicia organizar neste ano un novo curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes, neste caso en domicilio, unha acción formativa de similares características á realizada en 2011.

Pola súa parte, Ana Díaz valorou positivamente que o Concello da Laracha e a Consellería de Traballo e Benestar traballen nunha “mesma sintonía”, o que facilita a posta en marcha de programas formativos no municipio. A directora xeral de Formación e Colocación asegurou que os cursos de atención a dependentes están alcanzando o 60% de inserción laboral entre os seus participantes cando no resto de accións formativas que organiza a Xunta os datos de ocupación sitúanse en torno ao 40%.

Ana Díaz considera que, aínda que as taxas de desemprego en Galicia son altas, a Consellería de Traballo e Benestar está levando o camiño correcto ofrecendo opcións para que as persoas desempregadas poidan formarse e abrir novas vías para atopar un posto de traballo. Concluíu agradecendo a súa participación ás alumnas e lembrando que “estar parado non significa estar quieto”.

28 de febreiro de 2013 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.