Deputación, Secretarios e Interventores asinarán un convenio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Instante da reunión

Instante da reunión

Mellorar a cooperación e asistencia en materia xurídica e administrativa aos pequenos concellos da provincia de Ourense, por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e o Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Ourense, foi un dos principais acordos acadados hoxe na reunión que mantivo o presidente provincial, Manuel Baltar, con presidente do órgano colexial, Jesús Blanco, acompañado polos membros da súa directiva Gonzalo Alonso e Silvia Alonso.

Na xuntanza, analizouse a necesidade de que os municipios da provincia de Ourense que teñen menos de 20.000 habitantes (91 dos 92 existentes) poidan dispoñer de ferramentas que melloren a súa xestión no que atinxe aos trámites e consultas administrativos e xudiciais, para o cal a Deputación de Ourense e o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Ourense amosaron a súa vontade de asinar en datas próximas un convenio de colaboración que permita establecer liñas de colaboración para axudar a facer máis áxil e eficaz o labor xurídico-administrativo dos pequenos concellos.

Na reunión tamén se analizaron liñas de colaboración en materia formativa entre a Deputación de Ourense e o órgano colexial, en concreto no que atinxe a un taller práctico que vai ter lugar o vindeiro 2 de abril no que se van a abordar temas técnicos de grande interese para secretarios, interventores e tesoureiros, como son o endebedamento, a estabilidade orzamentaria, ou as reformas da Lei de Bases de Réxime Local. Esta xornada está organizada polo Colexio Territorial de Ourense e homologada polo Instituto Nacional de Administración Pública.

22 de febreiro de 2013 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.