Declaración do Concello do Grove en favor dos afectados por participacións preferentes
O Concello do Grove fai pública a seguinte declaración institucional, consensuada por todos los grupos políticos, en favor dos afectados por participacións preferentes e obrigas subordinadas:
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL A FAVOR DOS AFECTADOS POLA COMERCIALIZACIÓN IRREGULAR DE PARTICIPACIÓNS PREFERENTES E OBRIGAS SUBORDINADAS
O Concello do Grove, en función do acordo unánime acadado por todos os grupos políticos na sesión plenaria celebrada o día 30/01/2013, fai a seguinte Declaración Institucional:
Dado que a comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas foi feita sen ter en conta as disposicións da Lei do mercado de valores sobre os filtros e garantías para subscribir este tipo de títulos entre pequenos aforradores, e dado que coa entrada en vigor do Real decreto-lei 24/2012, do 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito substánciase a posibilidade de que os nosos veciños enganados teñan que sufrir perdas nos seus aforros por culpa dunha burda estafa cometida por parte de banqueiros embriagados de avaricia, o Concello do Grove reclámalle a quen corresponda:
1.º Que se siga negociando coa Unión Europea para efectos de modificar a cláusula 15 do Memorando de Entendemento subscrito o pasado 20/07/2012 polo Goberno de España para a obtención de 100 000 millóns de euros necesarios para a reestruturación e saneamento do sistema bancario.
A citada cláusula 15 do Memorando establece que as entidades bancarias españolas que estean obrigadas a presentar un plan de reestruturación ou liquidación imporán quitas aos seus accionistas e aos posuidores de títulos híbridos de capital (participacións preferentes e obrigacións subordinadas) co obxectivo de minimizar o custo para os contribuíntes europeos que financian cos seus impostos o citado rescate das entidades bancarias españolas.
2.º No caso de que a citada negociación non frutifique, que se modifique o Real decreto-lei 24/2012, do 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito para efectos de eliminar o capítulo VII relativo á xestión de instrumentos híbridos, asumindo o Estado a devolución de todos os aforros aos afectados pola comercialización irregular de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas.











