Curso homologado de manipulación de alimentos
O Concello convoca a través da Oficina de Orientación Laboral un curso homologado de manipulación de alimentos que se impartirá o sábado 16 de marzo. O prazo para apuntarse xa está aberto.
O prezo do curso é de 13 euros por participante que cumprirá pagar ese mesmo día xusto antes de que empece. O lugar no que se vai dar é a aula municipal de formación, situada na antiga casa do conserxe do colexio público.
Haberá dúas quendas: unha de 10 a 14.00h. para o sector da hostalaría e outra de 16.30 a 20.30h. para o sector da atención sociosanitaria. No momento de facer a inscrición haberá que indicar en cal dos dous turnos se solicita praza.
O Concello ofrece 25 prazas para cada sesión (50 en total) que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición e mantendo a prioridade de acceso para as persoas empadroadas en San Sadurniño. Quen teña interese neste curso pode apuntarse no propio Concello ou chamando ao 981 49 00 27.
Aquelas persoas que non se tivesen inscrito previamente non poderán acceder ao curso. No caso de que se esgotasen as prazas e haxa xente dabondo, o Concello valorará a celebración dun segundo curso do que se informará con suficente tempo de adianto.











