Curso de escritura creativa en portugués na Eurocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

A Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil da Eurocidade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia convoca un ‘Curso de escritura creativa en portugués na Eurocidade Chaves-Verín’, enmarcado dentro do proxecto Eurocidade II, aprobado ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013 (POCTEP).

O principal obxectivo do mesmo é promover a cooperación institucional en materia de políticas de xuventude, para que os/as mozos/as se queden a vivir e a traballar na zona transfonteiriza galego-portuguesa. Dar os primeiros pasos para corrixir as actitudes lingüísticas, os posibles prexuízos que poidan amosar co idioma portugués ou desbotar os conceptos estereotipados que teñan de cara a cultura, a sociedade ou a propia literatura deses países, hoxe de importancia capital, como pode ser o Brasil. Este curso conta coa colaboración de entidades que apoian unha nova liña de actuación de promoción do espírito emprendedor da xuventude, e que programan actividades dirixidas a todos/as mozos/as que precisan dunha formación adicional ou dunha serie de ferramentas de cara á participación en programas europeos.

Está destinado a mozos/as con idades comprendidas entre 18 e 30 anos e que teñan coñecementos intermedios  de lingua portuguesa. O número de prazas deste curso gratuíto é de 15 -esixíndose un grupo mínimo de 8 persoas para realizalo-, ten carácter presencial el 70 horas de duración. O ‘Curso de escritura creativa en portugués na Eurocidade Chaves-Verín’ impartirase na sede da Eurocidade Chaves-Verín (antigo posto fronteirizo de Feces de Abaixo) do 18 de marzo ao 10 de abril, de luns a venres de 16 a 20 horas -salvo Xoves e Venres Santo-.  É requisito imprescindible para a realización deste curso que os/as interesados/as teñan coñecementos intermedios de lingua portuguesa.

A inscrición para participar no mesmo debe realizarse, ata o 14 de marzo, mediante un formulario electrónico (http://xuventude.xunta.es/201302219822/curso-de-escritura-creativa-en-portugues.html). Para máis información poden chamar aos teléfonos  981 541 688 ou 981 544 854, de 9 a 14 horas.

A Eurocidade Chaves – Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).

22 de febreiro de 2013 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.