Comparsas e carrozas quecen motores para o Entroido Cambadés

Comparsas do Entroido Cambadés
Máis de quince carrozas e comparsas inscribíronse xa para participar no desfile emais no concurso deste vindeiro domingo que podería reeditar o éxito do pasado ano. O ambiente pre carnavaleiro é de gran expectación e vaise facendo patente, como o demostra o feito de que se cubriu o cupo de 10 equipos para competir no concurso de filloas que se celebrará o luns de entroido, con premios para as máis apetitosas e para o maior número delas cociñadas en 30 minutos.
Os grupos implicados na celebración traballan con celeridade para ter a punto os traxes, disfraces, complementos, así como as respectivas plataformas engalanadas que lles permitirán estar presentes na festa máis extravagante do calendario anual. No concurso de carrozas a temática a representar será libre, pero procurando que non sexan obscenas ou ofensivas.
Para optar ós premios, as carrozas deberán desfilar obligatoriamente na orde establecida de antemán dende as 16.30 horas polo percorrido que parte da escalinata de San Tomé e que segue por avenida de Galicia, praza do Concello, avenida de Madrid, avenida da Coruña, paseo da Calzada e remata de volta na praza do Concello.
O xurado deberán ter en conta a orixinalidade do deseño, laboriosidade e creatividade, así como que toda a indumentaria e complementos garden relación coa temática elixida e calqueira outro motivo que poida considerar o xurado, como a interpretación dos personaxes representados. Todas as carrozas e comparsas que realicen o pasarrúas obterán unha gratificación de 200 euros, mentres que as maquetas percibirán 100€.
No relativo ó concurso de disfraces, poderán participar todas as persoas, asociacións ou colectivos que o desexen e deberán desfilar pola pasarela situada na praza consistorial. En caso de choiva, o concurso trasladaríase ó salón de congresos José Peña.
O Entroido cambadés arranca o sábado, 9 de febreiro, cunha gran festa infantil no parque de Torrado, ás 16 horas, con música, inchables e obradoiros de maquillaxe e globoflexia.
O domingo de Entroido, 10 de febreiro, celébrase o espectacular desfile das carrozas engalanadas, acompañado pola música da charanga Krazy Cabuxas. Na praza do Concello emitirase o fallo do xurado con premios de 500 euros á mellor carroza, 400€ á segunda e 300€ á terceira. Este desfile vai ser retransmitido polo humorista e showman Isi, acompañado da música do Dj de Estudio XXI.
O 11 de febreiro, luns de Entroido, vaise celebrar (no salón José Peña a partir das 16 horas) o baile infantil con animación e premios de ata 150 euros para os mellores disfraces nas categorías individual, parella e grupo. As 17.30 horas comezará o concurso de filloas que contará con premios para as habelenzas das mellores reposteiras ou reposteiros (100€ para as máis gostosas e 100€ para o maior número de filloas elaboradas en 30 minutos).
O Martes de Entroido, a partir das 17 horas, a praza do Concello vibrará coa música emailo humor do inefable Pepo Suevos e do Dúo M30. A partir das 17.30 horas, na mesma praza, reedítase o gran concurso de disfraces nas categorías de infantil e adultos con premios ó mellor disfraz individual de 100 euros, parella 150€ e grupo 250€. Ás 19 horas, no mesmo escenario, nova actuación da charanga Krazzy Cabuxas.
O Mércores de Cinza procederáse ó tradicional enterro da Sardiña, travestida nun personaxe de actualidade que este ano será a “restauradora” Cecilia que masacrou o Ecce Homo de Borja. Ás 17.30 horas haberá degustación de doces típicos de Entroido elaborados pola asociación de Amas de Casa Albariño. Ás 19 horas, lectura do sermón e marcha funesta dende a praza do Concello ata a praia de San Tomé para enterrar a Cecilia que deformou o Ecce Homo de Borja.











