Comezan a Repararse os Danos Provocados polo Temporal Gong

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha iniciou as labores referidas á reparación dos danos provocados polo temporal Gong, que a finais do pasado mes de xaneiro deixou un importante número de incidencias en moi diversos puntos da rede viaria municipal.

A primeira cicloxénese explosiva do ano 2013 provocou na Laracha o derrubamento de muros de terra, atascos en cunetas, caída de árbores, desperfectos en sinais de tráfico e outros danos de diversa consideración.

Nunha primeira valoración realizada pola Concellería de Urbanismo e Obras Públicas, o Concello da Laracha deberá destinar preto de 17.000 euros para reparar ditas incidencias, rexistradas en preto dunha trintena de lugares. A forza do Gong deixouse notar especialmente en núcleos rurais de Soutullo, Montemaior, Soandres, Coiro e Golmar, así como na caionesa avenida da Laracha.

Os traballos dirixidos a arranxar estas deficiencias comezaron a executarse nos últimos días, aproveitando que as condicións climatolóxicas foron favorables para acometer este tipo de actuacións.

Plan municipal de mellora e conservación da rede viaria

Por outra banda, o Concello da Laracha iniciará nos próximos días a acometer o Plan municipal de mellora e conservación da rede viaria, que cada ano se desenvolve, coincidindo coas semanas previas ao inicio da primaveira. As actuacións consistirán en reparacións da zona de rodadura en estradas de titularidade municipal e bacheos puntuais que se irán realizando nos puntos que así o requiran.

A primeira fase deste Plan afectará a cinco parroquias, concretamente ás de Golmar, Montemaior, Vilaño, Soandres e Lestón.

A característica dispersión da poboación implica que o Concello da Laracha dispoña dunha ampla rede viaria con máis de 600 quilómetros de estradas que percorren o termo municipal para comunicar os máis de trescentos núcleos de poboación existentes. Iso leva consigo un custoso mantemento que debe asumir o Concello, reservando anualmente unha importante partida económica nos orzamentos municipais para financiar este tipo de programas.

25 de febreiro de 2013 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.