Campaña de reforestación forestal “50.000 árbores máis”

Reparto de árbores
Ofértanse cinco lotes: castiñeiros, árbores froiteiras, plantas ornamentais, flores e hortalizas ecolóxicas. O reparto terá lugar o día 1 de marzo ás 12.00 horas no mercado de gando.
A Concellería de Medio Ambiente que dirixe Manuel Fernández López pon en marcha unha nova campaña de reforestación forestal “50.000 árbores máis”. As persoas interesadas en conseguir algún dos cinco lotes ofertados poderán facelo desde a semana que vén ata o venres, 22 de febreiro, abonando na entidade financeira Novagalicia Banco o pago dos 20 euros correspondentes ao prezo de cada feixe de árbores. O reparto do conxunto dos lotes efectuarase o próximo día 1 de marzo, ás 12.00 horas, no mercado de gando.
Este ano o Concello de Lalín oferta cinco lotes de árbores, todo a prezo unitario de 20 euros: castiñeiros, froiteiras, plantas ornamentais, flores e hortalizas ecolóxicas. O primeiro dos lotes ofertados polo Concello de Lalín a través da Oficina Agraria son 2 castiñeiros híbridos micorrizados, con titor de madeira e malla protectora. Unha segunda opción é un grupo de árbores froiteiras, composto por 5 carballos americanos, 1 cerdeira de madeira, 1 nogueira, 1 sobreira, 1 maceira enxertada, 1 pereira enxertada e 1 ameixeira enxertada.
O lote de plantas ornamentais inclúe un acivro, 1 rododendro, 1 camelia xapónica e 1 azalea xapónica e o de flores, 15 pensamentos, 15 violas e 8 prímulas. Mediante esta nova edición desta campaña, que se vén desenvolvendo de forma anual desde 2004, e mediante a que se promove a plantación de árbores no municipio lalinense, xa que os compradores adquiren o compromiso de sementalas en terra lalinense, este ano ofértase tamén outro lote composto por sementes de hortalizas ecolóxicas autóctonas da Fundación Galiciaverde, con sede en Leboso (Forcarei). Concretamente ofrécese leituga catro estacións para sementar todo o ano, leituga folla de carballo, xudías planas (tirabeques), chícharos, xudías pintas, xudías de Forcarei, cabaciño, repolo de Santiago, cenoria e physalis peruviana.











