Boa receptividade do conselleiro de Economía ás propostas de Conde López

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O alcalde de Monforte entrevistouse esta mañá co conselleiro de Economía e Industria, o monfortino Francisco Conde López.

Severino Rodríguez expúxolle ó Conselleiro o proxecto que se está desenvolvendo na Praza de Abastos, solicitándolle o apoio da Xunta de Galicia para potenciar os “Mercados de Monforte”, unha actividade que contribúe á dinamización do comercio local.

Por outra banda, o Alcalde deulle a coñecer a Francisco Conde a idea que baralla o goberno local para o campo da feira de Monforte. Trátase de recuperar ese espazo co obxecto de mellorar a feira pero tamén para dedicalo a outro tipo de actividades de gran formato. Polo de agora, o goberno municipal traballa sobre unha idea que se atopa en fase de borrador e que é susceptible de ser mellorada con diferentes achegas.

O porto seco foi outro dos eixes sobre os que xirou o encontro entre o Conselleiro e o Alcalde. Severino Rodríguez manifestoulle a necesidade de continuar traballando na mellora das infraestruturas da plataforma loxística e dos seus accesos, especialmente no enlace coa estrada N-120, unha vez que no prazo de tres meses rematen as obras da primeira fase.

O rexedor monfortino tamén lle trasladou ó conselleiro de Economía e Industria a conveniencia de establecer algún tipo de colaboración ou habilitar liñas específicas de axudas destinadas a abaratar o prezo das parcelas do porto seco e, desta maneira, facelas máis atractivas para as empresas interesadas en establecerse na plataforma loxística de Monforte.

Francisco Conde mostrouse receptivo ás peticións do Alcalde, comprometéndose a manter un contacto permanente e a traballar conxuntamente co Concello en tódolos asuntos que foron abordados na entrevista celebrada esta mañá.

25 de febreiro de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.