Bases para a elección do persoeiro anual 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRedondela
A-
A+

O Estatuto de Autonomía de Galicia, e outros textos legais, encoméndanlles aos poderes públicos fomentar a cultura galega en todos os ámbitos da vida social. Outras institucións públicas e académicas téñense preocupado de restaurar a memoria cultural de Galicia celebrando efemérides, congresos e conmemoracións de duración diversa para sensibilizar a opinión pública na defensa do noso patrimonio cultural.

Os concellos galegos, en distinto grao, colaboran con aquelas institucións e con programacións propias, para salientar os perfís daqueles persoeiros, homes e mulleres das ciencias, das letras e das artes, que tiveron relevancia intelectual no seu tempo.

Redondela é un concello cunha prolífica nómina de personalidades que cultivaron todas as facetas do saber, da ciencia, das artes e das letras. Esta galería de intelectuais egrexios son merecentes do recoñecemento que o paso do tempo desdebuxou. De aí que sexa o Concello, a través da súa Concellería de Cultura, a que deba asumir o reto de rescatar das páxinas da historia eses persoeiros senlleiros e o seu talento.

É intención do Concello de Redondela mobilizar todos os axentes culturais para facelos copartícipes deste proxecto restaurador. Para tal fin, deseñarase un plan anual que estará dedicado a unha persoa cuxa obra reúna os méritos suficientes para divulgala a través do tecido asociativo.

Xa que logo, o Concello acorda crear, baixo o selo “ Ano na memoria de …”, a convocatoria aberta a todos os colectivos culturais para participar na elección do persoeiro que será homenaxeado no ano 2013, de conformidade coas seguintes

BASES

Primeira.- Convocar a elección do persoeiro do ano 2013, que debe sobresaír polas súas achegas nos ámbitos cultural, científico, filantrópico, profesional ou calquera outros nos que, dalgunha maneira, puidera ter contribuído tamén á mellora ou engrandecemento de Redondela.

Segunda.- Nesta elección poderán participar todos os colectivos culturais recoñecidos no Rexistro municipal de asociacións e os centros educativos do concello.

Terceira.- Cada asociación e centro educativo poderá presentar unha candidatura, debéndoo facer mediante unha memoria na que se fundamenten os méritos da personalidade proposta, que cumprirá as seguintes condicións:

 1.- Persoa real.

 2.- Falecida.

 3.- Nada ou vinculada a Redondela.

 4.- Ter destacado, en xeral, no mundo das artes, das ciencias e/ou das letras, ou en calquera outro ámbito cultural, filantrópico ou profesional.

Cuarta.- O prazo para presentar as candidaturas, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, finalizará o 28 de febreiro de 2013, ás 14:00 horas.

Quinta.- O Concello nomeará unha comisión avaliadora das propostas recibidas, na que participarán 4 persoas vencelladas ao movemento socio-cultural, nomeadas por cada un dos grupos municipais. De non haber consenso tomarán a decisión en función da proporcionalidade da súa representación no Concello. Tamén formará parte desta comisión o presidente da comisión de cultura, con voz e sen voto.

Sexta.- Unha vez decidida a candidatura, someterase a proposta á aprobación do Pleno do Concello na primeira sesión que se celebre.

Sétima.- A Comisión de Cultura será a encargada de elaborar un proxecto anual e dinamizar os actos conmemorativos, en colaboración coa comisión sinalada na base quinta.

20 de febreiro de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.