As presentacións protagonizan a primeira xornada do salón Turexpo Galicia 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTurexpo
A-
A+
Presentación Finisterre a turoperadores

Presentación Finisterre a turoperadores

O III Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2013, o cal se celebra dende hoxe e ata o domingo na Feira Internacional de Galicia, tivo ás presentacións como protagonistas da súa xornada inicial.

A primeira delas foi a dos paquetes turísticos da Asociación Ouro Verde, da Comarca do Deza, que foi realizada polo técnico de turismo Diego Iglesias, á cal seguiu a da web de turismo de Terras do Deza e o seu mapa de recursos, a cargo de Elena Fernández, xerente do GDR Terras do Deza.

No marco do certame tamén se deu a coñecer o Museo da Minería de Fontao, situado do concello de Vila de Cruces. Diego Casal, director do Museo, foi o encargado de levala a cabo.

Por outra banda, Turismo de Finisterre e Mar de Galicia presentaron “Fin do Mundo”, dando a coñecer a Asociación Turismo Finisterre e o proxecto Mar de Galicia, a través do cal pretenden comercializar o turismo de Finisterre,  poñendo en valor o turismo mariñeiro e a Finisterre como a fin do Camiño de Santiago. Contou coa presenza do Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Adminsitracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda.

Xa pola tarde, realizouse a presentación da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e de Natureza, AGETAN, a cargo de  Javier Veiga, Luis Fernández, Pilar Burgos e Luis Magariños, directivos da Asociación.

As presentacións continuarán mañá no salón. Entre outras, levaranse a cabo a do Concello de Nigrán e o seu Festival Port América, e a da festa da Arribada de Baiona, na cal se levará a cabo  unha representación a cargo dun grupo de teatro, degustaranse produtos da época medieval e proxectarase un vídeo promocional.

Entrada gratuíta

Tanto os profesionais de turismo como o público xeral pode acceder de forma gratuíta a Turexpo Galicia 2013 durante os seus tres días de celebración.

22 de febreiro de 2013 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.