As “Merendas con contos” do mes de marzo estarán dedicadas ao teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSober
A-
A+

O próximo mes de marzo o programa de animación á lectura ‘Merendas con contos’ desenvolvido os venres na Biblioteca Municipal do Concello de Sober estará dedicado ao teatro baixo o título Levántase o pano. Os venres 1, 8 e 15 de marzo as actividades centraranse na elaboración dos escenarios e vestiario da peza que se presentará o próximo 7 de xuño.

Este mesmo venres día 1 de marzo comeza o casting para elixir os actores e actrices protagonistas da obra deste ano titulada O estraño caso da Pita Mazarica, obra da autora local Paula Vázquez Verao. O Concello de Sober conmemora con estas actividades o Día Mundial do Teatro, que terá lugar o 27 de marzo.

Mercado de libros

Ademais das ‘Merendas con contos’ a Biblioteca Municipal recollerá durante todo o mes de marzo libros, revistas, cd’s, vídeos, e outro material, para facer un mercadillo na Praza do Concello os días 12 e 26 de abril. O Concello de Sober invita a todos os veciños e veciñas que queiran participar na iniciativa que deixen o material na Casa da Cultura, debidamente empaquetado e co nome dos colaboradores. Todos os artigos que se recollan formarán parte dese mercado que se desenvolverá no ‘Mes do libro’.

As semanas previas a celebración dos mercadillos os nenos e nenas participantes nas ‘Merendas con contos’ serán os encargados de facer os carteis para publicitar o evento e catalogar o material, que eles mesmos venderán os días 12 e o 26 de abril.

28 de febreiro de 2013 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.