publicidade hoxe

Arrinca definitivamente o Carrefour Market das Barxas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMoaña
A-
A+

Tras varios meses de trámites legais, a compañía francesa Carrefour comezou cos primeiros traballos para habilitar o baixo comercial onde se instalará o novo centro nas Barxas, en pleno corazón de Moaña. As obras atrasáronse en reiteradas ocasións por motivos que a propia compañía cualificou de “alleos” e que impediron a posta en marcha oficial do proceso ata esta semana. A multinacional solicitou durante o pasado mes de xuño unha prórroga da licenza de obra e actividade que se lle concedera a finais de 2011 para evitar a súa caducidade e a dita renovación chegou fai pouco máis de dous meses.

Durante os últimos días, un grupo de traballadores encargouse de levar ao recinto o material necesario para acometer a obra. Está prevista que nas vindeira xornadas se acondicione o espazo, facendo especial fincapé en zonas como os ocos dos ascensores e o garaxe, onde se poderán estacionar un total de 72 vehículos. Estes labores preceden a unha actuación máis profunda e que se prolongará durante varios meses na que se habilitará o interior do espazo para dar cabida ao futuro estabelecemento.

A pesar de que a compañía francesa non adianta unha data exacta para a próxima apertura do centro, é probábel que o Carrefour Market de Moaña estea aberto ao público antes da Semana Santa. Non obstante, desde a multinacional sinalan que ofrecerán datos exactos sobre a posta en funcionamento do estabelecemento “cando falte un mes para a súa apertura”. O inicio da obra alegra a parte da veciñanza, aínda que hai quen amosa o seu receo sobre unha actuación que sufriu varios contratempos e prolongouse no tempo.

Esta nova superficie comercial estará situada nun espazo de aproximadamente 3.000 metros cadrados, aínda que a ocupación efectiva será de 2.363, nos que se albergarán varias seccións como bazar, téxtil, bebé, conxelados, perfumaría, alimentación, líquidos, froitaría, panadaría, peixaría e chacinaría.

11 de febreiro de 2013 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.