Ames lembra a Rosalía de Castro no 176 aniversario do seu nacemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde o acto de celebración do Día de Rosalía de Castro. Na conmemoración do 176 aniversario do nacemento da escritora galega, o Concello de Ames lembrou cunha homenaxe literaria e musical a Rosalía de Castro, moi ligada ao municipio amiense. A homenaxe comezou coa lectura de varios poemas de Rosalía de Castro. Nesta lectura participaron un grupo de oito nenos e nenas de sexto de educación primaria do CEIP Agro do Muíño, outro grupo de tres alumnos/as de segundo de bacharelato do IES de Ames, dous membros do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, e Mariña Pérez Rei e Xosé Antonio López Silva, ambos os dous escritores amienses. Despois, o acto continuou cun concerto a cargo dos artistas Roi Casal e Silvia Ferre.  No acto, que comezou ás 18:00 horas,o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou a relación de Rosalía de Castro con Ames e animou a seguir celebrando este día e a que os nenos e nenas amienses coñezan a obra da escritora. Tras a súa intervención, o rexedor leu un poema incluído en Cantares Gallegos, obra da que este ano se cumpre o 150 aniversario. Á homenaxe tamén asistiron a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; e os edís da corporación municipal Pilar Candocia, Susana Mayo, Francisco Doval, Carmen Fraga, Alfonso Rey e María González.

O Concello de Ames decidiu o ano pasado, mediante acordo plenario, instaurar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía co obxectivo de promover a difusión do legado da escritora. En virtude deste acordo, cada 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora do que se fan 176 anos, o Concello de Ames organiza diversas actividades divulgativas. Ademais, neste ano 2013 tamén se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos.

Este ano a conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Ames contou coa lectura pública de varios poemas da escritora galega que levarán a cabo representantes de distintos ámbitos culturais e sociais do municipio. Do CEIP Agro do Muíño interviron un grupo de oitos nenos e nenas de sexto de educación primaria. Roberto García, Sara Negreira, Iria Ces, Mariña Andrade, e Ada Montoto leron o poema Castellanos de Castilla. Deste mesmo centro de ensino, interviu de forma individual Flavia Fernández, e a parella formada por Álex López e Alba Meijide. Por parte do IES de Ames interviu un grupo de tres alumnos/as de segundo de bacharelato que leron de forma conxunta un poema rosaliano.

En representación do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro interviron Casiano Otero Varela, que leu uns versos dun poema rosaliano, e Lourdes Álvarez Viqueira, que se encargou de pórlle voz ao poema Eu cantar, cantar, cantei, pertencente á obra Cantares Galegos. Outras personalidades da cultura que participaron nesta conmemoración foron Mariña Pérez Rei, que leu o poema Si a vernos, Marica, noutronte viñeras, e Xosé Antonio López Silva, que se encargou de ler o poema A xustiza pola man.  Homenaxe musical

Da homenaxe musical encargaronse os artistas Roi Casal e Silvia Ferre, a través dun recital de arpa e voz no que incluiron cancións con poemas musicados de Rosalía de Castro que forman parte do seu traballo discográfico.

O artista Roi Casal comezou a súa carreira en solitario co traballo Lendas Douradas, un dos discos máis vendidos en Galicia no ano 2009. Actualmente, está presentando o traballo Maxicamente vello, co que realizou unha xira de máis de 40 concertos e que inclúe sons pop que proveñen de instrumentos como a arpa, a guitarra eléctrica ou a zanfona e que están marcados polas voces de Roi Casal e Silvia Ferre.

Nos seus traballos, o artista toma referencias de obras de Rosalía de Castro como Cantares Galegos ou Follas Novas. Deste xeito, inclúe temas como Ninfas das frescas augas, Noite de San Xoán ou Tecín Soia, baseados nos poemas da autora.

25 de febreiro de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.