publicidade hoxe

Abegondo elimina barreiras arquitectónicas nos xardíns da Casa do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+
Vista da área acondicionada

Área acondicionada

O Concello de Abegondo renova os arredores da casa consistorial. O acondicionamento desta zona verde é o primeiro proxecto que realizan os alumnos do obradoiro de emprego, comezado a finais do ano pasado de forma conxunta cos concellos de Carral e Bergondo.

A actuación consistiu na eliminación das escaleiras que levaban á parte traseira do edificio, efectuándose agora mediante rampla. Desta maneira, o Concello suprime estas barreiras arquitectónicas e garante a accesibilidade para todos.

Así mesmo, os alumnos do obradoiro acondicionaron os xardíns, compostos por diferentes zonas verdes, con bancos de pedra para o descanso.

O Concello ademais aproveitou a actuación para reordenar a parada de taxis, situada entre a Casa do Concello e a sede do GDR Mariñas – Betanzos. Se ben os taxis entraban e saían antes pola mesma AC-542, agora foi aberta a entrada pola parte traseira, e efectúan a saída pola mencionada AC-542.

Os traballos de mellora dos xardíns xa comezaran en xaneiro coa poda de dúas palmeiras, de gran tamaño, situadas xunto á Casa do Concello. As árbores dispoñían dunhas pólas moi longas, o que causaba grandes zonas de sombra, restáballe luz natural ás dependencias municipais e caída de follas na contorna.

O obradoiro de emprego contempla dúas vías de traballo: a xardinería e a silvicultura, ao considerarse dous ámbitos “con opcións reais de inserción laboral”, indica o alcalde. Ademais das sesións teóricas, os 24 participantes realizan prácticas en espazos públicos dos tres municipios.

“Ademais de impartir unha formación que permitirá que 24 persoas desempregadas aumenten as súas capacidades de encontrar traballo, o obradoiro propiciará o arranxo de zonas de interese comunitario”, apunta Santiso.

25 de febreiro de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.