A sinalización horizontal e vertical conclúe a apertura da nova rúa en Barrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia conclúe o acondicionamento da nova rúa de Barrantes coa sinalización horizontal e vertical. Tras a apertura da nova rúa, o ensanche e o asfaltado, agora é quenda do pintado, co obxectivo de garantir a máxima seguridade a peóns e condutores. A estrada, que se abriu en paralelo ao campo de fútbol da Bouza e comunica as rúas Valle Inclán e Condesa, permite restar tráfico á avenida Bouza Martín.

Ademais do pintado da rúa, o Concello de Ribadumia tamén sinalizou pasos de peóns. Con esta actuación dáse por concluído o acondicionamento da rúa, que se iniciou hai uns meses para dar fluidez ao tráfico no centro de Barrantes e mellorar o acceso ao recinto escolar –colexio, gardería e escola infantil- e a varias instalacións deportivas. Asemade, procedeuse ao seu ensanche, seguindo a liña de edificación, e dotouse de canalización de augas pluviais, asfaltado e alumeado público. Tamén se colocaron pivotes para delimitar a zona de aparcamento de coches.

A apertura desta nova rúa está contemplada no PXOM e foi posible acondicionala grazas á colaboración dos veciños. A alcaldesa Salomé Peña chegou a un acordo con eles para adiantar a apertura da rúa e poder así mellorar a circulación no centro de Barrantes. Ata a súa apertura, para acceder desde a rúa Valle Inclán ao recinto escolar ou ás instalacións deportivas de Barrantes era preciso circular pola avenida Bouza Martín. Agora os condutores poden cruzar directamente por esta nova alternativa, restando tráfico á rúa principal de Barrantes.

Bacheo nas pistas municipais

Por outra banda, o Concello de Ribadumia comezou a executar as obras de bacheo de todas as pistas municipais, co obxectivo de mellorar a circulación e a seguridade dos conductores. As obras estenderanse por todas as estradas e pistas do municipio. As obras consisten en encher con grava os ocos, botar un rego de asfáltico e despois árido fino por riba. Esta obra está incluída nos traballos de mantemento das estradas municipais que se levan a cabo varias veces ao ano para evitar que estas imperfeccións nas estradas poñan en risco ao usuario ou á estrutura do camiño.

11 de febreiro de 2013 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.