A Policía Local participa nunha campaña da DXT para mellorar a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participa nunha campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar organizada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Esta iniciativa realizarase na cidade durante esta semana: dende hoxe, luns 25 de febreiro, ata o vindeiro domingo, 3 de marzo.

O Concello da Coruña mantén unha estreita colaboración coa DXT e participa nesta nova campaña que afianza o compromiso do Goberno municipal de apostar por unha mellor coordinación co resto de administracións para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade. A Policía Local encargarase de inspeccionar tanto os vehículos (autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade, cintos e sistemas de retención) como aos condutores (permiso e tempos de condución e descansos).

Todos os vehículos dedicados ao transporte escolar deben cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 443/2001 de 27 de abril sobre condicións de seguridade, como a obrigatoriedade de que unha persoa coa cualificación necesaria acompañe aos menores no autobús, a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar sinal de transporte escolar.

O Concello da Coruña colabora nesta campaña co obxectivo de reducir o número de accidentes de circulación e, ao mesmo tempo, coñecer con maior exactitude a incidencia deste tipo de sinistros. Así, a Área de Mobilidade e Seguridade Cidadá informará os resultados obtidos durante os controis á Dirección Xeral de Tráfico, que á súa vez remitiralle ao Concello os informes e as conclusións finais da campaña.

A Policía Local prestará especial atención aos cintos de seguridade e aos sistemas de retención. Segundo os datos da DXT, dos preto de 17.000 autobuses que realizan servizos de transporte escolar, só dous de cada cinco levan instalados os cintos. Ademais, nove de cada dez lesiones infantís graves ou mortais poderíanse evitar se se utilizou este tipo de dispositivos.

O Concello tamén quere concienciar sobre a necesidade de respectar os sinais de velocidade, pois se comprobou que a 50 quilómetros por hora -a máxima permitida por lei en vías urbanas- as posibilidades de que un neno sobreviva a un accidente sen ningunha medida de seguridade son case nulas.

25 de febreiro de 2013 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.