A OMIX anima os mozos orteganos a participar no programa “Xuventude Emprende”
A OMIX de Ortigueira, dependente da Concellaría de Participación Social, informa os mozos orteganos de que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado acaba de abrir o prazo de inscrición no programa “Xuventude emprende”, que propón tres xornadas nun albergue xuvenil de Gandarío para fomentar entre os participantes o espírito emprendedor.
A iniciativa consiste nunha xornadas educativas e de convivencia totalmente gratuítas fóra da aula, coincidindo coas vacacións de Semana Santa, do 25 ao 27 de marzo, que se desenvolverán con aloxamento incluído en Gandarío. Os destinatarios son novos de 1º e 2º de bacharelato e alumnos/ás de ciclos formativos de grao medio.
A experiencia busca axudar aos participantes, que procederán de toda Galicia, a desenvolver competencias emprendedoras como o traballo en equipo, a iniciativa empresarial, a comunicación interpersoal ou a xestión da diversidade. Ademais, pretende sensibilizar os rapaces sobre a importancia de ter unha actitude emprendedora no desempeño de calquera iniciativa, actual ou futura.
O programa inclúe sesións de teambuilding, introdución ao emprendimiento, creación de valor, creatividade, técnicas de comunicación e de mercadotecnia… ademais de tempo para o ocio e xogos de geolocalización e de comercio.
Na OMIX, situado no centro social de Ortigueira ofrecerase aos veciños interesados a información precisa sobre esta iniciativa formativa. A inscrición realizarase electronicamente a través do correspondente formulario web dispoñible na páxina www.xuventude.net. O prazo para anotarse concluirá o 8 de marzo e as prazas son limitadas.











