A Deputación dedica un monográfico de “Raigame” á Isaac Díaz Pardo

Instante da presentación
O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acolleu hoxe a presentación do número 37 da revista de arte, cultura e tradición popular “Raigame”, que edita a Deputación de Ourense, dedicada monograficamente nesta ocasión á unha das figuras máis relevantes da cultura e das artes en Galicia como foi Isaac Díaz Pardo, falecido fai un ano. No acto, o presidente provincial, Manuel Baltar, destacou que Díaz Pardo “integrante da casta dos “bos e xenerosos”, dedicou a súa vida a traballar a prol de Galicia en facetas tan distintas como a pintura, a cerámica, o teatro e as industrias culturais, sendo un galeguista militante, dentro e fóra da nosa terra, espallando as inquedanzas culturais do pais aló onde a súa prolífica vida profesional e artística o levou”.
Manuel Baltar subliñou que a Deputación de Ourense amosa con esta publicación unha “aposta clara e inequívoca pola defensa e difusión de todo aquilo que nos identifica como ourensáns e galegos, algo que Díaz Pardo nos deixou coa súa pegada e traxectoria galeguista, polo cal, con este monográfico rendémoslle esta merecida homenaxe”.
Pola súa banda, a directora da revista “Raigame”, Mariló Fernández Senra, explicou que este número monográfico aborda a figura de Díaz Pardo dende diferentes perspectivas, contando con textos de Xosé Neira Vilas, Xabier Limia de Gardón, Emilio Rodríguez Portabales, Xosé Ramón Fandiño, Felipe-Senén López Gómez e Silvia Longueira. Cada un deles achega anacos de vivencias do Díaz Pardo como emigrante en Bos Aires, como pintor ou ceramista, pero sempre destacando o seu humanismo e sentido crítico diante dunha vida convulsa polos acontecementos da época que lle tocou vivir.
“Este monográfico -que contou coa colaboración do fillo do artista- supón un recoñecemento a Díaz Pardo, que foi un dos primeiros colaboradores da revista, polo gran traballo que fixo no eido etnográfico e da recuperación das tradicións populares galegas”, dixo Mariló Fernández Senra.
As innovadoras achegas do creador de Sargadelos, Cerámicas do Castro e Edicións do Cumio a prol da cultura galega foron recoñecidas con numerosos galardóns entre os que destacan o “Pedrón de Ouro”, a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto de Santiago, o Premio Otero Pedraio, o Premio “Celanova, Casa dos Poetas”, Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, Medalla de Ouro de Galicia ao mérito en belas artes.
O acto de hoxe contou asemade coa presenza do alcalde de Celanova, José Luis Ferro, quen presentou o capítulo da revista que recolle os premios de fotografía da “XI Romaría Etnográfica Raigame”, que anualmente se celebra en Vilanova dos Infantes. A publicación remata cun texto de Antonio Piñeiro referido á conxunción entre esta romaría e a fotografía.











