A Concellaría de Benestar trae a Teo a exposición “A muller, innovadora na ciencia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

A Concellaría de Benestar, Igualdade e Participación Veciñal, dentro da programación con motivo do día da muller trae a Teo a exposición “A muller, innovadora na ciencia”. Esta mostra pódese ver xa no salón de plenos do Concello ata o 4 de marzo. Entre o 5 e o 15 de marzo os paneis estarán no IES de Cacheiras, para poder traballar directamente co alumnado o papel da muller nun ámbito tan concreto coma a ciencia.

Esta mostra púxose en marcha a raíz da celebración do ano da ciencia no 2007 dende a comisión Mulleres e matemáticas da RSME, coa axuda do FECYT. A mostra tenta presentar a vida e obra de 20 científicas de todos os tempos coa particularidade de que todas elas no seu traballo están cerca das matemáticas. Cada un dos 20 paneis incorporan unha actividade docente relacionada dalgún xeito coa investigación realizada por estas mulleres.

As promotoras desta exposición quixeron que este material sirva de base para traballar sobre todo cos adolescentes o papel da muller na sociedade e nas matemáticas. Deste xeito a mostra conta con material de apoio elaborado como un xogo de ordenador, un quebracabezas…

Precisamente o 8 de marzo a comisaria da exposición e docente da USC, Elena Vázquez, impartirá un coloquio no IES de Cacheiras coa mostra como soporte. 

Esta exposición súmase ás actividades organizadas no Concello de Teo con motivo do 8 de marzo. Este ano púxose en marcha o concurso fotográfico “Olladas en igualdade”, que pretende promover valores que diminúan os prexuízos e os estereotipos de xénero. Pódense entregar fotos ata o 4 de marzo.

27 de febreiro de 2013 | 11:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.