publicidade hoxe

A cea da muller traballadora admite inscricións ata o 1 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMesía
A-
A+

Todas as mulleres interesadas en participar na Cea da Muller Traballadora que organiza o Concello de Mesía para o venres 8 de marzo poden inscribirse na Casa da Cultura antes do vindeiro 1 de marzo. Esta xuntanza terá lugar no Restaurante Manteiga, en Visantoña, e o prezo é de 25 euros por persoa. É unha proposta do Concello para propiciar o encontro, a conversa e o entretemento.

Mais non é esta a única actividade do Concello de Mesía relacionada coa conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora. Antes, o mércores 6 de marzo ás 16:30 horas, xa ten programada unha charla sobre cooperativismo, na que se explicará o proceso de creación dunha cooperativa, como participan os socios nestas entidades, que tipo de axudas existen para poñelas en marcha e outros aspectos sobre este modelo de empresa. A asistencia á charla é gratuíta, pero é necesaria inscrición previa para garantir un mínimo de aforo.

Xa para o mes de abril, o Concello de Mesía propón un obradoiro de pilates para mulleres, que se desenvolverá todos os venres do mes entre as 21:30 e as 22:30 horas na Casa da Cultura. A actividade efectuarase en grupos reducidos, cun máximo de quince participantes, para asegurar o óptimo aproveitamento das clases. Non obstante, no caso de que se conforme unha lista de agarda, o obradoiro continuaría en maio cun novo grupo. O prezo é de 5 euros para o conxunto do obradoiro.

27 de febreiro de 2013 | 10:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.