A brigada municipal de obras acondiciona os parques infantís de Agro do Muíño
A brigada municipal de obras do Concello de Ames estivo preparando e mellorando o estado de dous parques infantís que están situados na contorna do Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño. Por unha banda, actuaron no parque infantil que está situado entre as urbanizacións das Cortes e no parque infantil do CEIP Agro do Muíño. Ante a petición dos veciños e veciñas das urbanizacións do lugar e da dirección do centro de ensino, o Concello de Ames levou a cabo a mellora do estado do chan destes parques, substituíndo a capa de grava que había por unha capa de area. Estes traballos son un complemento ás labores que desenvolveron os catro operarios que formaban a brigada de obras sufragada pola Deputación da Coruña, que se encargou de acondicionar un total de 21 parques infantís de Ames. O acondicionamento do parque infantil do Agro do Muíño está incluído dentro do POS complementario de 2013. Estes parques situados en Agro do Muíño tiñan no chan unha capa de grava que non era moi axeitada para os nenos e nenas, xa que podían chegar a sufrir algún dano. Debido a iso, dende a Concellaría de Obras, Parques e Xardíns levaron a cabo os traballos necesarios para substituír esa capa de grava por unha capa de area. Os operarios da brigada municipal de obras foron os encargados de realizar estes traballos.
Estas obras son un complemento ás labores de mantemento e acondicionamento dos parques infantís municipais que desenvolveron os operarios que foron contratados a través do Plan Provincial de Emprego 2012. Esta brigada, que estivo composta por catro persoas, traballou en colaboración coa concellaría de Vías e Obras e acondicionou un total de 21 parques infantís de Ames.
Mantemento dos parques infantís
Os traballos de mantemento que se levaron a cabo nos parques infantís recolleron unha exhaustiva limpeza das zonas de xogo e do seu contorno (arrincaron as malas herbas que había na zona de area dos parques, raspillaron as follas das árbores que había no chan, repuxeron area na zona de xogos, etc.). Os traballos comezaron o pasado 29 de novembro e desenvolvéronse durante tres meses.
O concelleiro de Vías e Obras, Alfredo Taboada, explicou que “o acondicionamento dos parques infantís da contorna do Agro do Muíño é un traballo máis que se engade aos traballos de acondicionamento da brigada provincial que se encargou de poñer a punto os parques infantís municipais. Trátase de traballos de mantemento das infraestruturas municipais que son moi necesarios para un correcto uso destas instalacións por parte dos veciños e veciñas amienses”.
No Concello de Ames existen un total de 21 parques infantís con zona de area. Esta zona de xogo é necesario acondicionala con asiduidade, xa que nela nacen malas herbas e caen follas na época de outono que provocan que os parques non estean en perfectas condicións para a súa utilización. Esta brigada acondicionou todos estes parques infantís que dispoñen de zona de xogo con area para que poidan ser empregados por todos os nenos e nenas que así o desexen.











