A Biblioteca Juan Fernández Latorre estrea programa escolar de animación á lectura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Biblioteca Municipal iniciou esta mañá un novo programa de dinamización da lectura en colaboración co CEIP José Mª Lage. A iniciativa, titulada “Benvidos, cabaleiros e princesas”, servirá para favorecer o achegamento dos máis pequenos a este servizo público municipal e afeccionalos a ler, con actividades baseadas en historias ambientadas na Idade Media.

Un ano máis, o centro dependente da Concellaría de Cultura pon en marcha un programa infantil destinado a formar novos lectores. A dirección da biblioteca ortegana, gañadora do premio nacional de animación lectora do ano 2008, retoma as súas campañas de animación que obtiveron unha excelente valoración por parte do profesorado. E así, por cuarto curso consecutivo aposta por impulsar actividades enmarcadas dentro do horario escolar e adaptadas a cada tramo de idade.
A biblioteca realizase por cada un dos cursos do CEIP José María Lage (educación infantil e os tres ciclos de primaria) dous sesións de animación, utilizando como punto de partida de cada entrega, a lectura de relatos diferentes baseados ou relacionados coa Idade Media.

Á lectura das historias, seleccionadas en función da idade dos destinatarios, seguiralle un taller de xogos inspirados nos relatos, que permitirán traballar a expresión oral e escrita do alumnado, así como a súa creatividade.
Ademais de contribuír a fortalecer nos máis novos o hábito da lectura, Benvidos, cabaleiros e princesas aspira a fomentar a participación dinámica na lectura dos relatos, desenvolver a imaxinación dos nenos participantes e estimular a súa atención e, por suposto, permitir aos estudantes que coñezan as instalacións e os servizos que se prestan na biblioteca.

27 de febreiro de 2013 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.