A _Escola de nais e pais 2012-2013_ pretende implicar aos axentes educadores no proceso de ensinanza
O Concello de Ourense organiza a través da Concellería de Saúde, a _Escola de nais e pais_ inscrita no programa Educación Familiar 2012-2013. O Concello, consciente do indiscutible papel que ten a familia no desenvolvemento integral dos nenos por ser a única institución na que o individuo participa durante toda a súa vida, apoia ós pais e nais con iniciativas formativas a través deste programa.
A familia ten a capacidade de convertirse en transmisora de valores, costumes, hábitos, modelos de comportamento, así como é un elemento de apoio, resolución de conflictos e sustento do Estado de Benestar. O Concello de Ourense consciente desta realidade, inicia a _Escola de Nais e Pais_ dirixida a pais, nais e axentes educadores, cuxo obxectivo é concienciar da función como educadores, facilitar formación pedagóxica e establecer criterios de actuación, ademáis de apoiar ós pais e educadores na tarefa de educar, considerando aos pais como principais modelos de identificación que teñen os nenos e nenas e son os encargados de transmitir actitudes, valores e habilidades, que lles permitan enfrentarse á realidade.
Cunha metodoloxía dinámica, activa e participativa desenvolveranse cursos dunha hora e media á semana cun programa que integra 4 apartados: en primeiro lugar, baixo o título _Familia e sociedade_ trataranse temas de actualidade, como a situación das familias hoxe, a resolución de conflictos familiares e o desenvolvemento de habilidades sociais e de comunicación.
Nun segundo bloque o _Desenvolvemento humano_, no que se tentará de explicar e formar en materia de habilidades sociais e de comunicación e resolución de conflictos.
No terceiro bloque, _Funcións da familia_ darase a coñecer ós participantes os patróns modificadores da conducta na familia e aprender a correxilos a través de técnicas coma o correcto uso do condicionamento clásico de premios e castigos e a fixación de regras, límites e normas. Así mesmo, se apoia ós pais e nais no seu labor como axentes educadores con estratexias de estímulo para incrementar o rendemento escolar dos cativos axudándoos nos seus estudios como axente de socialización infantil.
No último bloque os servicios municipais tratarán o tema da _Familia e a adolescencia_ poñendo enriba da mesa temas coma os transtornos alimentarios, a sexualidade e afectividade, as drogas e cómo educar no ocio, para previr conductas perigosas e que os nosos fillos e fillas sexan conscientes dos problemas que conlevan determinados comportamentos e recurran ós pais ante os problemas que lles poidan xurdir.











