30.000 prendas e 800 doazóns no Desván do Concello de Lalín
Un total de 30.000 prendas aproximadamente e unhas 800 doazóns son as que leva recibidas o Desván do Concello de Lalín nestes tres anos de vida que hoxe se cumpren, sinala Paz Pérez, concelleira de Benestar e Igualdade.
Paz Pérez indica que “analizando as doazóns realizadas nestes anos vemos como nos meses de maio e xuño coincidindo co cambio de tempada de roupa de inverno a verán, así como en setembro -idem pero de verán ao inverno- se rexistra un volume moito maior de entregas feitas por persoas particulares ao Desván do que vén sendo habitual noutros meses do ano, xa que incluso se duplica”.
A edila de Benestar resalta que “levamos ata día de hoxe feitas sobre unhas 500 entregas a familias que realizaron a solicitude correspondente; ademais, obsérvase como nos anteditos meses o número de peticións aumenta ante a necesidade de roupa de cambio de tempada, e especialmente no mes de setembro, no que incluso se duplican ou triplican as solicitudes, coincidindo co inicio do curso escolar”.
No que se refire ás doazóns de mobiliario, van en proporción descendente: 12 en 2010; 7 en 2011 e 3 no 2013. Non obstante son moitas as doazóns de material de puericultura de persoas particulares: entregáronse moita variedade de artigos (andadores, cambiadores, berces, parques, etc.) que puideron ser de grande utilidade para moitas familias pero as cadeiras de paseo ou carriños non chegan a cubrir a demanda total, polo que é importante a colaboración cidadá e veciñal.
Tamén se levan rexistradas doazóns de centros educativos municipais e de centros deportivas de prendas de deporte que quedan esquecidas nas instalacións e tamén entregas puntuais de materiais de comercios locais. Entre elas, especialmente destacable: unha colchonería do núcleo urbano que seleccionan os colchóns e somieres que retiran das vivendas e están en bo estado para logo destinalos ás familias solicitantes ao Desván; unha tenda bazar tamén do núcleo urbano que fai entrega da menaxe de cociña e fogar sen estrear (tixolas, xogos de café, tazas de almorzo…); unha tenda de roupa que retirou mercadoría de tempadas pasadas que non teñen posible venda e unha tenda de accesorios do núcleo urbano que entregou diverso material escolar. As pezas máis doadas foron roupa de muller en xeral e as máis solicitadas, roupa de nenos e nenas de 2 a 16 anos e roupa de cama.
VALORES DE SOLIDARIEDADE E INTEGRACIÓN
Paz Pérez fai un balance moi positivo dos obxectivos inicialmente propostos a través deste programa, pero xa non só de cara a cubrir as necesidades básicas de vestido e calzado, así como de enseres domésticos de persoas individuais ou unidades familiares, que se atopen en situación de risco/exclusión social ou en caso de precariedade económica, que impiden facer fronte a estes gastos de primeira necesidade, senón tamén lograr sensibilizar, informar e promover valores de solidariedade e integración nos veciños e veciñas de Lalín.
Mostra diso é a resposta obtida por parte dos lalinenses en xeral e en particular de todas as persoas e comerciantes que se achegaron durante estes tres anos ao Desván para facer as súas doazóns, remarca.
Do mesmo xeito Paz Pérez quere agradecer a colaboración do persoal de Protección Civil que colaborou co Desván no desprazamento do mobiliario que puntualmente doan para uso doutras familias, así como tamén a un pequeno grupo de mulleres que de forma voluntaria todos os xoves pola tarde se achegan ata as dependencias do Manuel Rivero para participar na selección e clasificación de roupa e calzado, contribuíndo así dun xeito altruísta ao bo funcionamento do servizo.











