Unha delegación luso-onubense visita a Eurocidade

Instante da visita
Nesta primeira viaxe da delegación luso-onubense, tras a súa constitución como Eurocidade o pasado mércores 9 de xaneiro, escolleuse a Verín e Chaves por ser un referente ibérico en proxectos de cooperación transfronteiriza a nivel local, ademais de ser a primeira Eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Esta delegación, entre a que se atopaba o alcalde de Ayamonte, Antonio Rodríguez, o vicepresidente da Câmara de Vila Real de Santo Antonio, José Carlos Barro, e o presidente da CCDR do Algarve, David Santos, foi recibida na sede da Eurocidade Chaves-Verín (antiga aduana de Feces de Abaixo) polos rexedores Joâo Batista e Juan Manuel Jiménez que lles ensinaron as instalacións e explicaron a realidade deste proxecto transfronteirizo. A continuación, o Secretariado Técnico Conxunto efectuou unha exposición deste proxecto, desde o seu inicio, as iniciativas postas en marcha, así como as futuras, os resultados alcanzados ata o momento e as barreiras existentes aínda no ámbito ca cooperación transfronteiriza. Ademais de coñecer in situ o funcionamento da Eurocidade tamén compartiron experiencias de traballo, xa realizadas en Verín e Chaves, que poden ser beneficiosas e extrapolables aos/ás cidadáns/nas de Ayamonte e Vila Real de Santo Antonio.
Esta Eurocidade do sur da Península Ibérica, a primeira no ámbito da Eurorrexión Andalucía-Algarve-Alentejo, xa tiña antecedentes de cooperación económica, do mesmo xeito que Chaves e Verín, asentados no ámbito pesqueiro e baixo a organización de industrias conserveiras de transformación de peixe, así como na administración pública. Ao igual que a Eurocidade Chaves-Verín entre os seus principais obxectivos está o desenvolvemento de accións de promoción de inversións e oportunidades comerciais e turísticas, reforzar a cohesión social, promover os valores do patrimonio natural e cultural e consolidar o tecido empresarial local.
A Eurocidade Chaves – Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).











