Un cento de parados participaron nos cursos de formación en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o Centro Municipal de Emprego de Ferrol en compañía do alcalde José Manuel Rey.

O obxectivo da visita foi coñecer de primeira man as melloras realizadas nas instalacións nas que colaborou economicamente a Deputación da Coruña mediante unha subvención de 20.000 euros. Trátase da segunda aula de informática do centro e a creación de accesos á nave anexa ao centro de emprego.

Ademais, tamén obtiveron información acerca dos cursiños para desempregados que se organizaron durante o ano pasado, financiados pola institución provincial con 12.000 euros e que contaron cunha participación de máis dun centenar de persoas en sesións centradas tanto en Iniciación á informática para a busca de emprego como na formación e preparación dos temarios para diferentes probas de acceso convocadas pola Xunta de Galicia.

Segundo explicaron dende a dirección do centro, o deseño destes cursos vén determinado pola demanda dos propios usuarios do centro, que tanto desde o Concello como desde a Deputación cifran en ao redor de 2.000 persoas ao ano.

Durante a visita, Diego Calvo anunciou que a colaboración da Deputación da Coruña coa boa marcha deste centro continuará este ano, e confirmou que xa están aprobadas as subvencións solicitadas dentro do último exercicio económico.

En concreto, o Concello de Ferrol contará con 12.500 euros para as obras de instalación da rede de auga potable na nave anexa ao edificio do Centro de Emprego e con outros 6.000 euros para a posta en marcha de diferentes actividades de formación.

14 de xaneiro de 2013 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.