Servizos Sociais distribuíu 19 Tn de alimentos a familias sen recursos
O persoal adscrito á Concellería de Servizos Sociais da Laracha, que está dirixida pola edil Rocío López, distribuíu ao longo de todo o ano 2012 máis de 19 toneladas de alimentos de primeira necesidade entre as familias residentes na Laracha carentes de recursos económicos.
A comida repartida foi subministrada por varias vías. Por unha parte, no marco do Plan 2012 de axuda alimentaria ás persoas máis necesitadas da Unión Europea, a Cruz Roja e o Banco de Alimentos da Coruña entregaron ao Concello 7,5 toneladas. Por outro lado, a Fundación Amigos de Galicia, coa que o Concello da Laracha asinou o pasado ano un convenio de colaboración, cedeu outras 11,5 toneladas de comida.
A isto debe engadirse os alimentos recollidos na campaña desenvolvida pola comunidade educativa do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco nos días previos ás vacacións de Nadal e a xornada solidaria de spinning que o Grupo Pazos, empresa concesionaria da xestión e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, organizou e que se desenvolveu o pasado sábado coa colaboración de Supermercados Gadis e O Noso Café.
Ademais, os 11.700 euros correspondentes ás pagas extras de Nadal que o alcalde e os concelleiros con dedicación exclusiva renunciaron a percibir, convertéronse en vales de compra de alimentos frescos (principalmente, carne e pescado) en establecementos comerciais do municipio que se repartiron tamén entre as familias con menos recursos.
En total, durante o ano 2012, foron 82 familias as beneficiarias das campañas de distribución de alimentos realizadas polo Concello da Laracha, sendo 258 o número de persoas, das cales preto de cen son menores.
O Concello da Laracha reforzou nos últimos exercicios as partidas orzamentarias correspondentes ao capítulo dos servizos sociais ante a necesidade de ampliar o persoal adscrito a este departamento e a cobertura en prestacións sociais e programas dirixidos ás familias máis desfavorecidas e tamén a grupos en risco de exclusión social, como a terceira idade ou persoas dependentes.











