Servizos Sociais destina 476.000 euros á organización de actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que adxudicou o desenvolvemento e a xestión das actividades socioculturais que se programan nos centros cívicos municipais. O orzamento final que a Concellería de Servizos Sociais destinará a estes plans é de 476.473,58 euros, o que supón un aforro do 40% con respecto ao orzamento de licitación -unha rebaixa de 318.641,36 euros-.

O obxectivo final deste proxecto é mellorar a calidade de vida dos veciños, en especial dos nenos e das persoas maiores. O Goberno local sacou a concurso as actividades dos centros cívicos en catro lotes diferentes:

1. Actividades de prevención e cooperación social. O departamento de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo ofrecerá polo menos 16.000 horas nos centros cívicos municipais co obxectivo de facer máis accesible a cultura e o benestar social, e fomentar o asociacionismo veciñal e a participación cidadá. As actividades diríxense aos seguintes sectores de poboación:

– Infantil. Dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos, ofértanse programas de lecer, tempo libre e de reforzo escolar, como recuncho do xogo, teatro, cociña infantil, música e informática.

– Xuvenil. Haberá diferentes actividades para adolescentes e mocidade, por exemplo ritmos e música moderna, novas tecnoloxías e talleres de técnicas de estudo, de habilidades sociais e de autonomía doméstica.

– Persoas maiores de 65 anos. Ofrécense actividades orientadas a manter e potenciar as capacidades intelectuais (como talleres de memoria ou de alfabetización), as físicas (como ximnasia de mantemento ou taichi) e o achegamento ás novas tecnoloxías.

– Interxeracional. Entre outras accións, ofértanse actividades de mantemento físico (ximnasia, ioga, taichi, bailes de salón ou sendeirismo); de creatividade artística e manual; musicais e escénicas; de habilidades domésticas; e de habilidades persoais e terapéuticas.

2. Taller para a intervención nas dificultades da linguaxe e a escritura. Con esta iniciativa, o Concello desenvolve en 11 centros cívicos arredor de 660 horas de actividades dirixidas a menores de 5 a 11 anos con dificultades na linguaxe, psicopatoloxías na linguaxe infantil, problemas de lecto-escritura e de expresión oral que se poden previr.

3. Corais. Servizos Sociais proporcionará un espazo de lecer e tempo libre para favorecer a relación interpersoal e de entretemento entre os participantes. En realidade, trátase dun coro terapéutico, posto que as persoas non son seleccionadas polas cualidades de voz, senón polo seu desexo de cantar e para que a actividade lles resulte atractiva aos participantes. Desenvolverase durante 45 semanas ao ano. En concreto, serán 750 horas para repartir entre os centros cívicos de San Diego, Monte Alto, Feáns, Os Mallos e O Castrillón.

4. Bailes de maiores. Este programa permite fomentar o envellecemento activo a través do lecer. Como mínimo ofertaranse 195 bailes, que se desenvolverán con carácter semanal, preferentemente, de 17.00 a 20.30 horas:

– Luns: centro cívico de Monelos.

– Martes: centro cívico de Labañou.

– Mércores: centro cívico dos Rosales, alternando con outro centro veciñal que indique a dirección do programa.

– Xoves: centros cívicos do Castrillón e Eirís, alternando cada semana un centro.

– Venres: centro cívico dos Mallos.

– Sábado: centro cívico de San Diego.

14 de xaneiro de 2013 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.