Peña reúnese con Educación para ampliar as prazas no colexio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, solicitou unha reunión urxente co Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, co obxectivo de seguir avanzando no proxecto para ampliar as prazas no colexio Julia Becerra Malvar para o vindeiro curso. Segundo os datos de padrón que manexa o concello, o vindeiro curso aumentará de xeito notable o número de matrículas escolares, principalmente en educación infantil, polo que se fai preciso buscar unha solución á falta de espacio.

Neste sentido, en outubro Salomé Peña xa se reuniu co xefe territorial de Educación, César Pérez, e con varios técnicos da consellería para comezar a traballar na ampliación da capacidade do centro. Agora, a alcaldesa urxe manter un encontro co conselleiro para seguir avanzando neste tema e facer as previsións para o próximo curso. “Os días avanzan e é preciso que vaiamos pechando acordos para garantir a escolarización de todos os nenos de Ribadumia”, valora Salomé Peña.

Actualmente Ribadumia conta con 161 alumnos de 3, 4 e 5 anos –tanto no Centro Rural Agrupado de Ribadumia como no colexio Julia Becerra Malvar- , mentres que o alumnado de primaria suma 273 nenos.

A última ampliación do colexio Julia Becerra Malvar fíxose no ano 2006, coa construción de tres aulas de infantil. A previsión realizada naquel momento pola Xunta de Galicia quedouse corta dado o importante aumento de poboación que tivo Ribadumia nos últimos anos.

14 de xaneiro de 2013 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.