As Brigadas de Obras atenderon máis de 1.400 peticións
O ano 2012 deixa un total de 1.473 demandas realizadas por veciños e veciñas do municipio referentes a arranxos e melloras no alumeado público, nos sinais informativos e de tráfico, nos servizos de auga, luz ou teléfono, no deterioro de equipamentos e mobiliario urbano municipal e no sistema viario ou referentes á limpeza de espazos públicos e ao programa Carballo Limpo. As Brigadas de Obras e Medio Ambiente teñen atendido e solucionado estas peticións -e outras que atenden directamente no seu labor diario que non quedan rexistradas neste reconto-, que na súa maioría están referidas ao alumeado público -especialmente ao arranxo ou substitución de puntos de luz-, con 822 demandas. Respecto do ano 2011, tense rexistrado un pequeno incremento dun 3,4 por cento, xa que o ano pasado contabilizáronse 1.422 avisos. Parte deste incremento débese á suba nas peticións de arranxos no alumeado, que pasaron de 808 a 822, cun 1,7 por cento máis que en 2011. Todos os veciños e veciñas que o desexen poden denunciar as deficiencias ou demandar as melloras que consideren oportunas a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no enderezo electrónico.
As peticións respecto do programa Carballo Limpo son as segundas máis solicitadas pola veciñanza, cun total de 446 avisos, nun incremento dun 25,5 por cento respecto de 2011 (con 332 demandas). Carballo Limpo é unha iniciativa que comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente e inclúe dende a recollida de lixo, ata a recollida selectiva ou os servizos do Punto Limpo e Punto Limpo Móbil, entre outras actuacións. Neste último caso, convén lembrar que hai pouco máis dun mes o Concello ampliou os horarios de funcionamento destes servizos. Así, no caso do Punto Limpo a apertura é xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, incorporándose o horario de tarde. No segundo, amplíase substancialmente a recollida de voluminosos a domicilio, realizándose a partir de agora todos os mércores entre as 7.00 e as 13:40 horas, cando antes se limitaba aos primeiros martes de mes. As peticións relacionadas cos servizos en xeral de auga, luz, saneamento ou teléfono ocupan o terceiro lugar en número de demandas, con 107, diminuíndo as chamadas lixeiramente respecto do ano pasado, en que se rexistraron 129. Hai que mencionar, así mesmo, un notable incremento relacionado coas demandas de arranxos de beirarrúas e rebacheos do sistema viario, cun total de 58 peticións e unha suba respecto do ano pasado (con tan só 23 demandas) de preto dun 40 por cento.
Máis de 7.100 avisos nos últimos cinco anos
Por último, os datos reflicten un descenso nos avisos referentes á conservación do mobiliario urbano, os inmobles e as infraestruturas deportivas municipais, con 34 demandas fronte ás 94 de 2011. Xa con cifras moito máis reducidas están as peticións relativas a sinaléctica municipal e a limpeza dos espazos públicos con 6 avisos e ningún, respectivamente. Neste último caso, o motivo é que a maioría dos traballos os realizan as brigadas no seu labor cotián. Para rematar, o balance dos avisos rexistrados e atendidos polas Brigadas de Obras e Medio Ambiente nos últimos cinco anos (entre 2008 e 2012) ascende a un total de 7.136.











