Os retratos de Martínez Coello chegan ao Centro Cultural
Os retratos de persoeiros da vida cultural e social de Galicia, pero especialmente de Ourense, chegan ao Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación nunha exposición que se inaugura esta tarde (ás 20:15 horas) e que o artista agrupa baixo o título xenérico de “Xente boa”.
Nesta colección pódense ver a nomes relevantes da cultura como Xaquín Lorenzo, Acisclo Manzano, Laxeiro, Antonio Fraguas, Luis Trabazo ou Marcos Valcárcel, entre outros. O nexo de unión é que a meirande parte deles tiveron relación ao longo da súa vida co autor.
Tamén aparecen reflectidos na mostra persoeiros do ámbito popular ourensán, tales como “o capitán bombilla”, o limpabotas da praza maior ou a singular Concha, gran afeccionada ao Clube Deportivo Ourense.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, deu a benvida ao pintor ás instalacións do Centro Cultural e loubou a calidade do seu traballo, que se amosa por primeira vez neste lugar. Tamén dixo que era unha satisfación compartir esta mostra con un artista que dende hai uns meses forma parte do profesorado da Escola de Artes e Oficios da Deputación, engadindo que a mostra estaba programada “dende moito antes”.
Martínez Coello fixo un repaso polos persoeiros que retrata nesta exposición e indicou que “os máis difíciles de retratar para min foron aqueles cos que non tiven trato persoal”.
A exposición poderá visitarse ate o día 3 de marzo.











