Os casamentos civís volveron a descender en 2012 ata os 31

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Por segundo ano consecutivo, o número de casamentos civís celebrados no Concello volveron a descender este ano. Nos últimos días do ano non hai prevista ningunha voda, polo que en total foron 31 as contraidas en 2012 no salón nobre de Ravella, dúas menos que o ano pasado, cando xa se rexistraran nove menos que o ano anterior. A concelleira socialista, Susana Camiño, foi a concelleira que máis casamentos oficiou, con 8, tan so un máis que a edil do PP, Rocío Llovo.

A crise económica, a elección do matrimonio relixioso ou civil no Xulgado ou, simplemente, que a xente opta menos por casarse, poden ser algunha das causas polas que o número de vodas celebradas no Concello volveron a verse reducidas en 2012. De feito, as 31 cerimonias oficiadas en Ravella nos últimos doce meses retrotraen a estatística as unha década atrás, concretamente ao período comprendido entre entre 2002 e 2003 cando casaron no Concello 24 e 33 parellas respectivamente.

Quitando a peculiaridade do descenso, a tendencia en cando á época predominante para casar mantense como noutros anos, concentrándose o maior número de vodas nos meses de verán e principios de outono. De feito, setembro foi o mes no que houbo maior actividade casamenteira en Ravella, cu total de 6 celebracións, seguido xullo, agosto e outubro, con 3 vodas cada un deles. En decembro, aproveitando a ponte da Constitución, contraeron matrimonio 3 parellas, mentres que febreiro, abril, maio e novembro pecharon balance con dúas vodas no haber de cada mes. En xaneiro só se abriu o salón nobre para celebrar un casamento e marzo foi o único mes do ano non que non e rexistrou actividade algunha neste apartado.

O alcalde-presidente da Corporación Municipal é a autoridade que ostenta a potestade de oficiar casamentos civís no Concello. Non obstante, o rexedor pode delegar esta tarefa en calquera outro membro da Corporación, ben sexa do goberno ou da oposición. Deste xeito, dáselle opción aos noivos a elixir o concelleiro que desexa que os case.

Como consecuencia disto, respecto á lista de concelleiros máis casamenteiros, este ano douse a circunstancia de que ocupa o primeiro lugar unha concelleira da oposición. Trátase de Susana Camiño que, con 8 vodas oficiadas ponse na cabeza do ránking e recupera un posto que ocupou durante anos cando formaba parte do anterior goberno do bipartito. Non obstante a diferencia é mínima con respecto ao grupo de goberno, xa que a actual concelleira de educación, Rocío Llovo, consolídase como a edil popular máis elixida para celebrar vodas, con 7 celebradas, tan só unha menos que Camiño e unha unha máis que o propio alcalde, Tomás Fole, que en 2012 casou a media ducia de parellas.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Benito Pérez Dorgambide actuou de mestre de cerimonias en catro ocasións, seguido de preto pola edil socialista, Tania García Sanmartín, que casou a tres parellas. Tamén oficiaron matrimonios, aínda que só nunha ocasión os concelleiros do grupo de goberno, Marta Rodríguez, Elena Suárez e Jesús Longa.

A meirande parte das parellas que elixiron o Concello para casar, optaron pola voda cerimonial, mentres que outros simplemente optaron pola modalidade administrativa. Estas últimas poden realizarse de luns a venres en horario laboral do Concello e son totalmente de balde, mentres que as primeiras, as que conlevan cerimonia, dende o ano 2007 implican o abono dunha taxa de 75 euros correspondentes aos gastos de apertura do Concello fora de horario laboral, e do persoal preciso para a posta a punto do salón nobre. En ámbolos dous casos, o Concello entrega ao noivos un agasallo.

O Concello de Vilagarcía leva 17 anos celebrando vodas civís. A primeira tivo lugar na primavera dese ano e, dende entón, suman 488 as parellas que elixiron o consistorio para contraer matrimonio pola vía civil. O ano no que se rexistrou a cifra máis alta de casamentos foi o 2007, con 53 celebracións.

2 de xaneiro de 2013 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.