O xurado de “Pura e Dora Vázquez de Ilustración” falla o premio o mércores
O vindeiro mércores o xurado da X edición do “Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil” reúnese no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense para deliberar sobre os traballos presentados e dar a coñecer a obra gañadora da presente edición. O certame ven de acadar este ano un récord de participación de todas as edicións celebradas ata o momento, con 60 obras rexistradas, procedentes de Galicia, Andalucía, Cataluña, Madrid, País Vasco, Navarra, Valencia, Baleares, Portugal, Arxentina e Italia.
Os traballos de ilustración, de diferentes estilos e temáticas, baséanse no texto gañador do premio de narración “Por que está triste Miañas?”, da escritora Ángela Fernández Rey.
A pesares da redución na dotación económica que experimentou este ano o galardón –que pasa dos 3.000 euros aos 1.500 euros- incrementouse notablemente o interese dos creadores por participar nun dos máis prestixiosos certames literario-artístico de Galicia, dirixido ao público infantil e xuvenil, que leva o nome das nomeadas escritoras e poetisas ourensás Pura e Dora Vázquez, que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos
O premio “Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil” ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.











