Celébrase o primeiro Festival de Ano Novo da Aula de Música de Oroso
O centro cultural de Sigüeiro acollerá este xoves 3 de xaneiro, ás 19:00 horas, un espectáculo de maxia para todos os públicos a cargo do Mago Richard. A entrada é libre e de balde. O Mago Richard ofrecerá en Sigüeiro un espectáculo de “tecnoloxía máxica”, de xeito que permitirá que os asistentes coñezan os segredos da ciencia e da tecnoloxía a través de diversos xogos de maxia.
Así, o Mago Richard amosará distintos efectos coa luz e coa electricidade, ao tempo que amosará tamén a “maxia” das novas tecnoloxías multimedia ou inarámica. Ademais, o público tamén poderá participar no espectáculo, en especial nos diversos xogos de mente e de ferramentas de uso cotiá.
Aula de Música
Por outra banda, o venres 4 de xaneiro terá lugar o primeiro Festival de Ano Novo da Aula de Música. Gran parte dos setenta alumnos e alumnas da Aula de Música de Oroso actuarán en grupo, ofrecendo unha selección de pezas que combinará a música moderna e a clásica. “É unha forma de motivar aos rapaces para que sigan estudando, que se acostumen a tocar en público e, tamén, para que os vexan os seus familiares”, explica o director da Aula de Música de Oroso, Juan Ramón Salgueiro.
A actuación comezará o venres 4 de xaneiro ás 20:00 horas. A asistencia é libre e de balde. Ademais, os rapaces contarán cun artista invitado: Emiliano Sánchez Velazco, un orosá virtuoso do violín de tan só nove anos de idade e membro da Orquestra Sinfónica de Galicia para nenos.











