O Concello xa ten dispoñible a través da web a dixitalización do PXOM
O Departamento municipal de Urbanismo do Concello de Teo, dirixido por Rafael Sisto, dispón dunha nova ferramenta informática grazas á que se pode consultar a dixitalización do PXOM dende a web municipal. Segundo explica o edil “trátase do programa Urbanismo en rede que pretende potencia a transparencia da xestión pública no sector urbanística”.
Dende hai uns días calquera persoa pode acceder a este programa dende o banner Programa Urbanismo en rede, na portada da páxina www.concellodeteo.com. Dende aí aparece unha páxina na que se explica en que consiste o programa e dende onde se pode clicar no enlace ó visor. Ademais disponse dunha manual de usuario que se pode descargar para que a navegación polo propio programa resulta máis sinxela. A información dixitalizada é a relativa ó Plan Xeral de Ordenación Municipal de Teo, aprobado pola Consellería de Política Territorial pola orde do 4 de xuño de 2010 e vixente dende a súa publicación no BOP o 20 de xullo de 2010. Rafael Sisto explica que este servizo “recolle exclusivamente o planeamento urbanístico, polo que as condicións de edificabilidade pódense ver afectadas polos cambios na lexislación vixente ou pola normativa sectorial polo que se aconsella contrastar a información obtida a través do programa cos técnicos municipais”. Sen embargo o programa vai facilitar o acceso á información xa que dende o visor se vai poder obter información sobre parcelas aportando datos como clasificación, categorías de planeamento e calificación do solo, permitindo a descarga da ficha urbanística completa. Para conseguir a información pódese clicar nun punto do plano ou introducindo os datos concretos do plano que lle interese consultar ó cidadán. Esta ferramente puido porse en marcha dende o Concello de Teo grazas ao impulso da entidade pública estatal Red.es e dos fondos FEDER da Unión Europea.











