O Concello traslada ao centro cívico o servizo de podoloxía para maiores
O Concello anunciou que o inminente traspaso do centro de saúde ao Sergas obligouno a trasladar o servizo de podoloxía que presta aos maiores de 65 anos ao Centro Cívico da localidade. Un cambio de ubicación que será efectivo a partires do próximo ano. O servizo de podoloxía forma parte dun ambicioso programa en materia socio-sanitaria para mellorar a calidade de vida das persoas maiores da real vila. Así, dende a Administración local se pon a disposición da veciñanza este servizo e máis o de fisioterapia. Unha programación que o Concello presta grazas á cofinanciación da Deputación Provincial da Coruña.
Segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Leonor Canosa, ambos programas están dirixidos a homes e mulleres maiores de 65 anos pensionistas, persoas minusválidas ou pensionistas de invalidez. No caso do servizo de podoloxía, é a Oficina Municipal de Servizos Sociais quen tramita as citas e as sesións se programaban ata este momento no centro de saúde coa autorización do Sergas. Os tratamentos son variados. Dende unha limpeza a unha atención máis específica. E, nunha porcentaxe moi importante, os usuarios padecen diabetes, unha doenza que afecta especialmente aos pés.
No caso das sesións de fisioterapia, debe ser o médico de familia o que cubra un volante prescribindo o tratamento. Normalmente lévanse a cabo dez sesións por paciente. O servizo está concertado cunha clínica da localidade, que realiza o seu traballo no Centro Cívico de Neda. Unhas instalacións que contan cunha sala específica para levar a cabo os tratamentos e que foi habilitada con financiación da Consellería de Traballo e Benestar Social.











