publicidade hoxe

O Concello pon en marcha o servizo do Banco Municipal de Alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal
A-
A+

O Concello solicitou a Cruz Vermella Española a designación como Entidade Benéfica Colaboradora integrada no Plan de Axuda Alimentaria ás persoas máis necesitadas da U.E.

O Convenio entre A Cañiza e Cruz Vermella recolle que o Concello xestionará o almacén de alimentos municipal e fará un seguimento das persoas e familias beneficiadas, que serán as familias indicadas polos servizos sociais municipais. O Concello tamén xestionará as altas e baixas no servizo así como as renovacións das persoas ou as familias no Programa de Alimentos Solidarios. Por outra banda, o Concello achega o local para o almacenamento así como a infraestrutura técnica para a distribución dos lotes de alimentos ás familias, facilita e acondiciona os espazos onde se sitúa o almacén de alimentos e vixía o cumprimento das normas hixiénico- sanitarias.

Pola súa banda, Cruz Vermella é a entidade designada polo Fondo Español de Garantía Agraria para participar na distribución do Programa de Alimentos dos Excedentes da U.E.

Co obxecto de regular todos estes aspectos, destacando os requisitos dos beneficiarios así como a documentación que han de achegar ou regular os criterios de distribución, o Pleno do Concello, na sesión do 21 de decembro de 2012, aproba o Regulamento de funcionamento do Banco de Alimentos do Concello da Cañiza, publicado no BOP do día 9 de xaneiro de 2.013.

Á espera de empezar a traballar con Cruz Vermella, o Banco Municipal de Alimentos xa empezou a funcionar o pasado 8 de xaneiro grazas as doacións de lotes de alimentos dos participantes na 1ª Carreira Solidaria Nocturna celebrada o 29 de decembro.

O 29 de decembro, no marco da programación de Nadal 2012, celebrouse a 1ª Carreira Solidaria Nocturna da comarca, co obxectivo de xuntar nos Servizos Sociais do Concello un banco de alimentos non perecedeiros, así como o maior número posíbel de xoguetes para doar as familias máis necesitadas de todas as parroquias da Vila.

Con esta iniciativa tentábase fomentar a solidariedade e o desinterese dos nosos veciños en aras de axudar as persoas máis necesitadas.

Esta Carreira-Andaina non competitiva contou con máis de 180 inscricións a pesares da choiva e do frío. O único requisito necesario para poder participar era a doazón de calquera tipo de producto non perecedeiro ( arroz, café, zumes, pastas, conservas, etc ) ou algún xoguete (no mellor estado posible).

En total xuntouse máis de ½ tonelada de alimentos, que xa están acopiados e inventariados nas dependencias municipais, concretamente na antigua Biblioteca Municipal sita na planta baixa da Casa Consistorial (trátase dun espazo de case 200 m2 equipado na súa totalidade de estanterías para almacenaxe).

O martes 8 de xaneiro foron atendidas as primeiras familias.

O Concello desexa agradecer a todos os veciños e veciñas da Cañiza pola súa colaboración nesta iniciativa solidaria.

14 de xaneiro de 2013 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.