O Concello adxudica a reforma da Gaiteira que dinamizará a rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o Concello da Coruña adxudicou a reforma integral da Gaiteira que, finalmente, terá un investimento de 727.014,88 euros, o que supón unha rebaixa do 24% en relación ao orzamento de licitación: “Trátase dunha obra que espertou o interese das empresas, xa que se presentaron un total de 36”, explicou o rexedor.

Negreira informou de que o proxecto da reforma integral da rúa A Gaiteira ten o obxectivo de acondicionar e reurbanizar un espazo peonil que polo uso, e tras diversas obras, sofre unha serie de deficiencias que o Concello tratará de paliar dunha vez por todas: “Esta actuación non é cosmética nin superficial, senón profunda e de importante calado. Trátase dunha obra a fondo, para recuperar esta zona peonil de finais dos 90 e dinamizala á altura do século XXI, para que sexa unha área de esparexemento para os veciños pero tamén para o comercio. Digna da cidadanía”.

O rexedor coruñés lembrou que a reforma integral da Gaiteira abarca o tramo peonil comprendido entre a rúa Ponte e a avenida de Xeneral Sanjurjo, un espazo de case 3.000 metros cadrados. Carlos Negreira insistiu en que as obras contan co visto e prace dos técnicos de Infraestruturas, a Policía Local e os Bombeiros e garante a accesibilidade de vehículos de emerxencias e, polo tanto, permite a actuación dos servizos de extinción de incendios e de todos os seus equipos de intervención que sexan necesarios ante calquera incidencia que xurda na rúa.

O alcalde repasou as actuacións que forman parte deste proxecto:

– Renovación de pluviais.

– Renovación da rede de fecais.

– Substitución da rede de iluminación.

– Colocación dunha fonte que dará servizo tanto a adultos como a nenos, con especial atención ás persoas con problemas de mobilidade.

– Realización dunha acometida para dotar de auga potable a unha fonte e subministrar auga para a instalación de rego por goteo para as macetas que se instalarán na rúa.

– Retirada do cableado aéreo que se atopa en desuso, así como a eliminación dos postes de madeira que o sustenta.

– Substitución do pavimento. Colocaranse laxas de granito.

– Colocación de novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras) e xardineiras.

Con esta importante actuación, o Goberno local pretende dar resposta a unha demanda dos veciños e usuarios da Gaiteira e recuperar e impulsar o carácter comercial e peonil desta vía.

14 de xaneiro de 2013 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.