O Catastro envía avisos aos propietarios de montes do Forgoselo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Varios propietarios de terreos no cordal do monte de San Sadurniño están recibindo cartas da xerencia do Catastro onde se lles sinala que Endesa solicitou a subsanación de discrepancias catastrais nun terreo da súa propiedade situado na zona do Forgoselo. As comunicacións remitíronselles aos titulares de parcelas lindeiras para que estean ao tanto da iniciación do expediente de cara a facer alegacións se o consideran necesario. O Concello, pola súa banda, organizou unha xuntanza informativa sobre este asunto o próximo luns, 7 de xaneiro, ás 16.00h. no salón de plenos.

O procedemento iniciouse a instancias de Endesa Generación S.A. dado que, tal e como sinala o escrito remitido aos veciños, podería haber discrepancias entre a realidade e as características catastrais dun terreo propiedade desta empresa, situado na banda sur das parroquias de Igrexafeita e Naraío.

Por esta razón a Xerencia rexional do Catastro comunicoulles a todas as persoas con fincas lindeiras que teñen un prazo de 15 días para ver o expediente e para achegar a documentación que consideren precisa se é que o cambio solicitado por Endesa lles prexudica dalgunha maneira.

Para achegar máis información, o Concello solicitoulle á empresa Xestega que dea unha charla informativa para todas as persoas afectadas o próximo luns, día 7 de xaneiro, no salón de plenos a partir das 16.00h.

Xestega é unha firma especializada que leva varios anos prestando asesoramento catastral en San Sadurniño. Neste caso informarán pormenorizadamente sobre cales son os cambios solicitados por Endesa e tamén sobre cales son os trámites que deberán facer os titulares de terreos colindantes no caso de ter que facer algún.

3 de xaneiro de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.