Rey visita e comproba as obras de mellora no Centro de Emprego
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitaron o pasado día 10 de xaneiro o Centro Municipal de Emprego, co obxectivo de coñecer de primeira man as melloras realizadas nas instalacións con cargo a fondos locais e a unha achega do organismo provincial. Así mesmo, ambos responsables institucionais recibiron información dos cursos realizados nestas instalacións municipais da cidade naval con cargo a outra subvención concedida pola administración provincial. En total, estas axudas ascenderon a preto de 31.000 euros, e se destinaron a dúas liñas de actuación que se desenvolveron ao longo do pasado exercicio de 2012: formación para o emprego, con 11.988 euros; e obras de mellora do Centro Municipal de Emprego, ao que se destinaron 18.995 euros.
Na súa intervención, Jose Manuel Rey subliñou a aposta do goberno que preside por “seguir potenciando o Centro Municipal de Emprego para atender ás crecentes necesidades que existen en Ferrol no ámbito da mellora da formación encamiñada á inserción laboral”. Así, en canto ás obras feitas no equipamento, coa axuda financeira da Deputación da Coruña acometeuse a mellora dos accesos á nave anexa, dotándoa dun portón e dunha rampla que permitirán a homologación de novos cursos de formación dirixidos a actividades industriais. Ademais, habilitouse no Centro Municipal de Emprego unha segunda aula de informática con 16 ordenadores.
No que atinxe aos 12.000 euros concedidos ao Concello de Ferrol pola Deputación Provincial da Coruña para o desenvolvemento dos cursos, esta cantidade permitiu mellorar a empregabilidade de máis de 100 persoas en situación de desemprego. En concreto, esta subvención provincial financiou tres accións formativas de iniciación á informática para a busca de emprego; e outros tres cursos de Competencias Clave para o acceso á formación ocupacional de nivel 2.
Continuidade da colaboración
Durante a visita, Diego Calvo anunciou que a colaboración da Deputación da Coruña coa boa marcha do Centro Municipal de Emprego de Ferrol seguirá este ano, e confirmou que xa están aprobadas as subvencións solicitadas dentro do último exercicio económico. Así, o Concello de Ferrol contará con 12.500 euros para as obras de instalación da rede de auga potable na nave anexa ao Centro de Emprego; e con outros 6.000 euros para a posta en marcha de diferentes actividades de formación.











