O alcalde asina o contrato das obras de pavimentación en Lapido

Percorrido pola área na que se efectuarán as obras
Tras a firma, o rexedor, acompañado do concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e da concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde, desprazáronse ata Lapido para observar de preto o lugar no que se farán as obras. Alí, puideron falar con veciños deste lugar. Ademais, o Concello de Ames púxose en contacto cos representantes da asociación de veciños A Merced de Lapido para informalos da sinatura deste contrato, avanzándolles, ademais, que as obras comezarán en canto melloren as condicións meteorolóxicas.
Sobre estes traballos, que se levarán a cabo grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, o rexedor destacou que “o actual Executivo cumpre o compromiso de levar a cabo a súa finalización, tal e como se comprometeu cos veciños e veciñas”. Santiago Amor fai fincapé en que “se trata dunha obra de interese público, xa que a pavimentación desta vía facilitará considerablemente o tránsito dos seus usuarios”.
O pasado 27 de decembro, en Xunta de Goberno Local, acordouse adxudicar estes traballos, nos que se investirán un total de 76.210 euros. Ante numerosas peticións veciñais, o Concello de Ames decidiu levar a cabo a ampliación do camiño no interior do núcleo de Lapido, de xeito que se unifique con un ancho de 8 metros, tal e como está contemplado no PXOM.
Esta actuación leva asociado o incremento das reposicións de peches de formigón nos terreos cedidos polos propietarios e o incremento da superficie a pavimentar con formigón ata os 8 metros de ancho. Tamén se contempla a canalización dos servizos de iluminación e telefónicos, coas correspondentes arquetas. Finalmente, inclúese o traslado de postes e contadores.











