Nova escola municipal de Aquagym

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFene
A-
A+

Logo do éxito acadado no cursiño de Aquagym organizado polo Concello de Fene durante o Nadal, a Concellería de Deportes de Fene pon en marcha unha nova escola municipal desta modalidade deportiva -destinada a maiores de 16 anos- que se desenvolverá na piscina municipal de Centieiras, os mércores de 10:30 a 11:15 h a partir do mes de febreiro.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo do 14 ao 25 de xaneiro nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín (teléfono 981 492 804), en horario de luns a venres, de 9:00 a 13:30 horas. Tamén os mércores e os días 22, 23 e 24 en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 h.

Segundo informan dende o departamento de Deportes do Concello de Fene, durante o curso (de febreiro a xuño) admitiranse novas matriculacións sempre que existan prazas libres ou se produzan baixas na escola e as altas non interfiran no normal funcionamento do grupo de traballo.

O custe da actividade (cota mensual) ascenderá a 7,65 euros para menores de 18 anos, 11,50 para adultos e 9,20 para maiores de 65 anos.

Os únicos requisitos para participar nesta actividade son: ter máis de 16 anos, ter certa autonomía na auga e gañas de pasalo ben.

AQUAGYM

O “aquagym” é unha variante do aeróbic que se desenvolve nun medio acuático, polo xeral unha piscina, o que permite duplicar os efectos do exercizo. O seu uso e demanda aumentaron notablemente nos últimos anos, non só polos beneficios para manter e mellorar a líña, senón tamén polas súas vantaxes a nivel de saúde.

Aínda que o Aquagym se destinou nun principio a persoas con lesións musculares, óseas ou articulares, e tamén a xente de avanzada idade, nos últimos anos extendeuse ao resto da poboación debido aos seus magníficos beneficios para o organismo e o seu compoñente dinámico e moi divertido que fan que sexa un deporte único. Entre os beneficios do Aquagym, salientan:

Activación da circulación sanguínea.

Corrección postural.

Traballo da musculatura.

Mellora da respiración.

Mellora da flexibilidade e da resistencia.

Mellora cardiovascular.

Aumento da relaxación.

14 de xaneiro de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.